Cáritas Interparroquial de Arousa axudou a máis de 1.800 persoas o ano pasado

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os servizos de comedor chegaron a 465 beneficiarios e o laboral a 274

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son varios xa os anos nos que os datos de emprego e de paro ofrecen a imaxe recorrente dun país que avanza en positivo. A realidade das cousas da vida, pola contra, teima por contar que, moi ao contrario, a desigualdade e a porcentaxe de cidadáns á cola do tren social, cando non directamente desenganchados del, segue a ser vergoñentamente elevada. Unha realidade que mantén máis viva ca nunca a necesidade do labor que levan adiante entidades coma Cáritas Interparroquial de Arousa, con máis de 1.800 beneficiarios dos seus diferentes programas de apoio aos máis necesitados ao longo do ano pasado.

As cifras aparecen recollidas na Memoria 2024 de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Un documento no que se debulla a actividade e os destinatarios das cinco cáritas interparroquiais e das 317 parroquiais da demarcación eclesiástica da capital galega. No tocante á de Arousa, falamos de 1.407 beneficiarios e de 2.838 atencións no primeiro dos catro eixos de actuación nos que intervén a oenexé dependente da Igrexa Católica, o referido á cobertura das necesidades básicas das persoas.

Neste capítulo, ademais da entrega directa de alimentos e de roupa, en Arousa sobresaen dous servizos. Por un lado, o dos comedores, con dúas liñas de axuda. A do comedor para transeúntes, situado nun amplo e moderno baixo no inicio da Avenida Rosalía de Castro saíndo de Vilagarcía cara Carril, con 441 persoas atendidas ao longo do 2024. E polo outro, o servizo de comedor sobre rodas, unha iniciativa que Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela oferta tan só en Carballo e en Arousa, destinada non só á entrega de alimentos aos domicilios de quen os precisa. Tamén busca levar a compaña a maiores ou dependentes que viven sós, e que atopan neses momentos nos que lles veñen traer as comidas o rostro e a conversa dunha persoa coñecida que tanto precisa todo ser humano, e que non sempre é suficientemente ponderado á hora de valorar a asistencia social ás persoas necesitadas de todo. O ano pasado foron 24 os beneficiarios do comedor sobre todas.

Sen saír do eixo de actuación destinado á cobertura das necesidades básicas, Cáritas Interparroquial de Arousa atendeu a 58 usuarios co seu servizo de atención psicolóxica. Un departamento que axudou a 58 persoas cun dos maiores e crecentes problemas de saúde pública, agravado a raíz da pandemia de covid-19 dos anos 2020 a 2022.

En liña co comedor sobre rodas, pero con outro enfoque diferente, figura Laborando-Caló. Un espazo que Cáritas Interparroquial de Arousa creou a modo de punto de encontro para o de diálogo e a dignificación de cidadáns da comunidade xitana e de migrantes, empregado por 85 persoas o ano pasado.

En materia de emprego, a oenexé organizou diferentes obradoiros e iniciativas destinadas á orientación e á formación laboral das que tiraron proveito 274 persoas. E no tocante á vivenda, foron 29 os usuarios do centro de acollida San Cibrán de Vilagarcía de Arousa, unha casa destinada a xente que o perdeu todo, e que atopa alí non só un teito, senón o necesario acompañamento socio-laboral e o apoio emocional para recuperar ou, se é o caso, aprender hábitos de vida saudables e habilidades de convivencia que lles faciliten a súa reinserción social.

No tocante á parte económica, Cáritas Interparroquial de Arousa pechou o 2024 con 462.009 euros de gastos, deles, 168.107 destinados a axudas, e 480.538 euros de ingresos, 139.076 por doazóns e 326.076 en subvencións.