O BNG reclama no Senado solución ao problema de desconexión de Sobradelo

maría santamaría / P. P. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Veciños de Sobradelo, nunha protesta contra a colocación dun transformador no seu campo da festa
Veciños de Sobradelo, nunha protesta contra a colocación dun transformador no seu campo da festa MONICA IRAGO

A parroquia de Vilagarcía leva dende finas de 2023 se acceso a Internet

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclámalle ao Goberno do Estado no Senado unha solución urxente para os veciños de Sobradelo, en Vilagarcía de Arousa, que viven unha situación de total desconexión dixital dende hai xa dous anos.

A finais do ano 2023, arredor de 150 vivendas da zona ficaron sen acceso a internet nin cobertura de telefonía móbil. Todo, despois da retirada da liña de cobre, que se ía substituír por fibra óptica. O obxectivo deste cambio era cubrir as zonas brancas sen conexión.

Pero non foi así e en zonas como A Malladoira, Vilaboa ou A Rosaleda é imposible o teletraballo, a actividade de persoas autónomas e o acceso á educación virtual, ademais de que se impide o uso de servizos de teleasistencia fundamentais para a poboación maior.

A senadora do BNG, Carmen da Silva, denuncia que é «unha situación que supón unha vulneración flagrante do dereito á conectividade en igualdade de conexión», e pídelle ao Goberno do Estado que recoñeza a situación de desconexión de Sobradelo. Ademais destaca que «o máis surrealista é que nunha mesma rúa hai casas con conexión e outras sen ela, dependendo de se o número é par ou impar».

A parroquia foi incluída no 2021 no Programa Único de Banda Larga e Carmen da Silva declara que o «Goberno non pode dar por pechada unha fase actual do Plan Único sen resolver previamente as actuacións pendentes». A senadora pide que se aclaren as razón polas que o despregamento foi incompleto «facendo que a veciñanza rural galega quede esquecida polos plan estatais, xa que a fenda non se pecha con anuncios en Madrid».