O BNG recolle sinaturas en Vilagarcía para unha atención sanitaria «pensada para a poboación, non para o turismo»
AROUSA

Os nacionalistas esixen que a ambulancia medicalizada non se traslade a Sanxenxo e o reforzo dun segundo vehículo con soporte vital avanzado durante o verán
08 jul 2025 . Actualizado a las 20:02 h.Militantes, simpatizantes e representantes do BNG estiveron este martes en diferentes puntos de Vilagarcía para recoller sinaturas a prol dun cambio na política sanitaria da Xunta. En concreto, da decisión de trasladar a Sanxenxo a ambulancia medicalizada que o resto do ano presta os seus servizos dende o Hospital do Salnés, unha práctica que a Consellería de Sanidade acomete cadda verán. Este feito, denuncian os nacionalistas, «deixa sen cobertura directa a unha boa parte da comarca, cunha poboación de preto de corenta mil persoas».
A acción vén acompañada da presentación de mocións nos plenos dos municipios afectados, en base a peticións concretas. A saber, o mantemento da ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés todo o ano; o reforzo dunha segunda ambulancia medicalizada adicional na época estival nas zonas de alta afluencia turística coma Sanxenxo e O Grove; a dotación axeitada da ambulancia de soporte vital avanzado, que hoxe conta cun só técnico, sumando persoal facultativo e de enfermaría; que se deixe de empregar este vehículo para os traslados entre hospitais, salvo casos excepcionais; que eses traslados os asuma a UVI móbil existente no Hospital do Salnés.
«A comarca do Salnés non pode seguir asumindo os riscos dunha atención sanitaria pensada en función do turismo e non das necesidades da veciñanza», conclúe a formación nacionalista.