«Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso» expón a vida do creador de Sargadelos en Cambados
AROUSA

A mostra enmárcase na semana cultural da Asociación Amigos de Fefiñáns e estará aberta ata o 31 de outubro
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando o 5 de xaneiro de 2012 se fixo pública a noticia do falecemento de Isaac Díaz Pardo, unha profesora en Ordes sentiuse tan conmovida que decidiu renderlle unha homenaxe á súa figura. É así como nace a exposición Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso, un conxunto de 40 paneis, dos cales só 36 se poden ver no Museo Cabanillas da Casa da Calzada, en Cambados.
Esta mostra está creada por Maka Arca en conxunto con Ana M. Mosqueira, pero «como Isaac Díaz Pardo era un home moi polifacético puideron colaborar os distintos departamentos do IES Nº-1 de Ordes como o de plástica ou o de literatura, entre outros», comentaba Maka Arca.
Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso conta cunha particularidade: trata a vida do artista dende o seu nacemento ata o seu falecemento. «Todas as exposicións que vira sobre Díaz Pardo remataban no seu punto máis álxido, pero esta faino co falecemento do artista e a súa época máis baixa, cando a piques de morrer perde todo», explicaba a artífice do proxecto.
A exposición xa estivo en outros lugares como o propio instituto de Ordes, Cuntis ou Bertamiráns e Maka Arca confesaba nunca ter soñado con que a súa idea puidera acabar nun museo.
Todo o proxecto está enfocado para os máis pequenos, xa que moitos dos antigos alumnos da profesora só coñecían Sargadelos, pero non ao artista. É por iso que Maka Arca se ofreceu a vir dende Santiago para facer visitas guiadas aos colexios da contorna de Cambados que estean interesados.
Para a creación da exposición a profesora utilizou como guía o libro de Xosé Ramón Fandiño editado por Ir Indo Edicións. A maiores decidiu dotar de coherencia e unidade aos 40 paneis con cartóns azul cobalto e unha greca na que se poden recoñecer os debuxos típicos de Sargadelos.
Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso reflicte a vida do artista pasando por eventos como a morte do seu pai na Guerra Civil ou a súa estancia en Arxentina durante máis de dez anos.
A semana cultural sobre Isaac Díaz Pardo continúa hoxe nos xardíns do Pazo de Fefiñáns ás oito da tarde cunha mesa redonda sobre a defensa do patrimonio e cunha actuación musical por parte do grupo de pandeireteiras Madialeva. O Pazo de Louirzán será o protagonista do sábado cunha visita guiada e o luns, Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, dará unha conferencia ás oito da tarde.