A Garda Civil de Cambados recomenda ás vítimas de roubos nos últimos meses que se pasen polo seu cuartel tras cazar aos tres presuntos ladróns do campo de Burgáns

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Garda Civil

Os investigados son veciños de Meis, de Ribadumia e de Vilagarcía de Arousa e vellos coñecidos dos corpos e forzas de seguridade do Estado, aos que se lles requisou abundantes efectos que, sospéitase, procedan de diversos golpes

03 jul 2025 . Actualizado á 15:44 h.

A Garda Civil de Cambados cre atoparse cunha matrioska, a boneca rusa de madeira que dentro de si garda tantas réplicas como permita a pericia do seu artesán fabricante. Tras as correspondentes indagacións, identificou e investigou ás tres persoas que cometerían presuntamente o roubo no campo de fútbol de Burgáns denunciado o mes pasado pola directiva do Club Mocidade Cambados. Trátase de tres veciños de Meis, de Ribadumia e de Vilagarcía de Arousa, de entre 40 e 51 anos, todos eles con multitude de antecedentes policiais, aos que agora se lles imputa un presunto delito de roubo con forza no campo municipal cambadés, sen descartar o aumento de cargos máis adiante.

A entrada no anexo dunha vivenda de Meis, onde axentes do corpo armado atoparon e interviñeron diversos efectos que sospeitan formen parte de botíns de anteriores golpes da banda, unido ao historial delituoso dos investigados, levou á Garda Civil a realizar un chamamento público.

Desde o cuartel cambadés do corpo de seguridade do Estado, recomendan a calquera persoa que interpuxese denuncias nos últimos meses por roubos que acudan ás súas instalacións para ver se identifican ningúns dos efectos recuperados. O horario de atención ao público do cuartel arousán é de oito da mañá a dúas da tarde de luns a venres.