Mondra súmase a Mägo de Oz coma segundo concerto gratuíto no cartel das festas de San Roque

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O cantareiro e balailador galego presentará en Vilagarcía o seu segundo tarballo, «De Ronda», o 22 de agosto

23 jun 2025 . Actualizado á 22:10 h.

Do folk metal ao neofolk electrónico con feitura galega. A concellería de Cultura de Vilagarcía vén de confirmar a súa segunda grande aposta para o cartel de concertos gratuítos das festas de San Roque, logo do anuncio de Mägo de Oz. Trátase de Mondra, o cantareiro e bailador nado en Teo, que actuará no parque da Xunqueira o venres, 22 de agosto, ás dez e media da noite.

A arribada de Mondra gaña desta volta unha meirande potencia ao presentar en Vilagarcía o seu segundo traballo, De Rolda, publicado en maio. Nel, o artista invita o seu público a seguilo ao longo dunha noite de festa cun álbum «para seducir ou ser seducido» grazas ao son fresco e orgánico que lle fornece a man de Hevi, o responsable de produción de Laboratorio Soyuz.

A súa popularidade —é un dos novos artistas galegos máis escoitados en Spotify, por poñer un exemplo, con cincuenta mil oíntes mensuais— aséntase, non obstante, sobre o seu primeiro disco, Arden, que acadou o premio Martín Códax do 2024 na categoría de música electrónica. Tamén se fixo coa distinción ao mellor videoclip no 2025 polo seu tema Marimondra.

«Procuramos que as festas sexan para todo o mundo, independentemente da súa idade, de aí que os concertos sexan tan diferentes entre si», explica a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que subliña a aposta de Vilagarcía «por dar cabida á nova forma de facer música en galego». Nesta ocasión, cunha proposta que mestura ritmos tradicionais con riscos contemporáneos coma a electrónica. Lembra Outón que outro dos sinais de identidade de Mondra é o baile, unha parte fundamental e irrenunciable da súa posta en escena.

Polo que respecta a Mägo de Oz, o referente do folk metal hispano tocará o 19 de agosto, polo de agora a única data en Galicia.