
«A idea de que non se pode vir á Illa é totalmente falsa», afirma o alcalde. Pola contra, o PP sostén que a xente «ten medo» a circular polo pobo
05 jun 2025 . Actualizado á 11:36 h.A Illa continúa avanzando na aplicación de medidas orientadas a mellorar a convivencia e a seguridade viaria en diversas zonas residenciais do municipio. No marco deste proceso, nos últimos días iniciouse unha actuación centrada na sinalización horizontal, co obxectivo de reforzar a visibilidade das restricións de acceso e advertir aos condutores de que se trata de espazos con limitacións específicas.
A medida principal consiste na pintura da expresión «Zona Residencial» sobre o pavimento, nos accesos ás rúas afectadas. Esta sinalización actúa como unha advertencia visual inmediata que complementa a sinalización vertical xa instalada, facilitando que tanto residentes como visitantes identifiquen claramente os espazos con normativa especial de tráfico.
Desde o Concello destácase que esta iniciativa forma parte dun plan máis amplo de ordenación do tráfico cuxo obxectivo é avanzar cara a unha mobilidade máis segura, ordenada e sostible. As zonas residenciais, ao tratarse de áreas especialmente sensibles pola presenza de peoas, menores e persoas maiores, requiren medidas específicas que fomenten a redución de velocidade, o respecto ás normas de circulación e a diminución do tráfico non autorizado.
«Intentamos mellorar a visibilidade e a identificación destas zonas para facilitar o respecto ás normas. Queremos que todo o mundo saiba cando entra nunha zona residencial e que actúe en consecuencia», explicou o alcalde da Illa, Luis Arousa, quen tamén subliñou a vontade do Concello de promover a convivencia entre veciños e visitantes sen restrinxir o acceso á illa. En resposta a diversos comentarios e rumores xurdidos en redes sociais e outras canles de comunicación, o alcalde quixo aclarar que non existe ningunha intención de limitar o acceso xeral ao municipio, senón de organizar o tráfico de forma racional en espazos concretos. «A Illa está aberta a todo o mundo. Todos son benvidos. O que se está facendo é ordenar o tráfico en zonas concretas e residenciais. A idea de que non se pode vir á Illa de Arousa é totalmente falsa e responde a intereses de quen pretende xerar confusión», afirmou Arousa.
O PP da Illa non tardou en reaccionar ao comunicado da alcaldía. «As restriccións de tráfico non están a funcionar como dei ou alcalde, só están a botar aos veciños do pobo, porque por agora non hai turistas na Illa», sinala o portavoz, Matías Cañón. Este acusa o alcalde de facer unha lectura «triunfalista» sobre os datos da circulación viaria no pobo: «A xente xa ten medo a circular e, polo momento, non temos xente de fóra polo que prexudica aos nosos e ou obxectivo tiña que ser ou contrario».