Estas son as novas seis titulacións e dous másteres que a FP sumará á súa oferta en Arousa o próximo curso

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA · Exclusivo subscritores

Martina Miser

A modalidade dual intensiva engade tres ciclos e as prazas de novo ingreso crecen un 11,26%. O CIFP Fontecarmoa participa da posta en marcha da pioneira formación acelerada galega, coa obtención dun certificado oficial tras catro ou seis meses nas aulas

05 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Á falta de coñecer o detalle da carteira de titulacións dos oito centros educativos con ensinos de Formación Profesional no sur Arousa, o adianto informativo que ofreceu esta semana a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP debuxa un novo estirón na oferta dispoñible o próximo curso, 2025/26. Seis novos ciclos e outros dous cursos de especialización ou másteres engádense ao mundo de posibilidades de capacitación laboral impartidos neste ano académico na zona. Unha ampliación enriquecida coa continuidade dos dous títulos de alta especialización —dobres— no IES Plurilingüe de Valga que se estreaban o curso en marcha na estrea do modelo, e coa inclusión do CIFP Fontecarmoa na primeira fase da última vía ideada desde a Consellería para fomentar o achegamento entre as persoas con ganas de traballar e as necesidades do mercado laboral: a formación acelerada.

Tres son os ciclos de novo ingreso —primeiro curso— ofertados en Arousa para o período 2025/26 que non se impartiron este ano na modalidade de FP Dual Xeral, a ata fai ben pouco denominada FP Ordinaria. No Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Illa de Arousa, o Grao Medio en Operacións subacuáticas e hiperbáricas, con 12 matrículas dispoñibles. E no CIFP Fontecarmoa, os de Grao Medio en Comercialización de produtos alimentarios, con 22 prazas, e Grao Superior en Márketing e publicidade, con 30.

Igual número de novidades inclúe a oferta da FP Dual Intensiva, a FP Dual de toda a vida, na que o alumno cobre entre un 35 e un 50 por cento da súa formación nunha empresa, recibindo unha remuneración en paralelo. No IES Plurilingüe de Valga volverán impartirse os graos medios de Soldadura e caldeiraría e de Xardinaría e floraría, incorporándose o Grao Superior de Construcións metálicas, este último, presente xa no cartel de titulacións do instituto este curso na modalidade ordinaria. No CIFP Fontecarmoa, repiten o Grao Medio en Instalacións eléctricas e automáticas e o Grao Superior en Mecatrónica Industrial, sumando o centro como novidades no curso 2025/26 o Grao Medio de Mecanizado e o Grao Superior de Procesos e calidade na industria alimentaria. Son 22 prazas de primeiro curso dispoñibles en cada unha das sete titulacións de FP Dual Intensiva. 

Python e dixitalización industrial

Tras a pandemia, unha das primeiras iniciativas da Consellería de Educación no seu afán por impulsar a Formación Profesional como opción atractiva para os mozos galegos, pero tamén para traballadores interesados en mellorar as súas competencias, foi a creación dos másteres de FP. O próximo curso aumentará un 32 por cento as prazas dispoñibles nas súas 28 titulacións ao longo e ancho de Galicia, ata as 2.192. Delas, 110 na banda sur de Arousa. O CIFP Fontecarmoa repetirá o de Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas e o de Robótica colaborativa, e o IES Armando Cotarelo Valledor o de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información. O instituto de Sobradelo incorpora como novidade o máster en Desenvolvemento de aplicacións en linguaxe Python, mentres que o IES Plurilingüe de Valga engade á súa oferta o de Dixitalización do mantemento industrial. Os cinco másteres, dun ano de duración, requiren a posesión dun grao superior en FP, con 20 prazas dispoñibles en cada un deles, salvo o de Redacción de contidos dixitais para mercadotecnia e vendas, con 30.

O Salnés é a segunda área de Galicia con maior incremento porcentual de prazas de novo ingreso na FP o próximo curso, dun 11,26 por cento, subindo ata as 1.699, 172 máis que este ano académico.

O CIFP Fontecarmoa pon en marcha a pioneira formación acelerada galega, de entre 4 e 6 meses

O Salnés e o Baixo Ulla están ben presentes na planificación da Consellería de Educación, que veu contando con varios dos seus centros para a incorporación dos novos formatos de ensino cos que está a intentar acelerar e consolidar o despegamento da Formación Profesional como fonte de alimentación ante as urxencias do mercado laboral galego. O ano pasado, incluíndo ao IES Plurilingüe de Valga entre os 17 centros do país que comezaron a impartir no curso 2024/25 os 24 primeiros títulos de alta especialización de FP —dobres—, concibidos para atender a demanda específica do sistema produtivo de cada contorna xeográfica. O Grao Medio en Mantemento electromecánico e oferta parcial de Mecanizado e Grao Superior en Mecatrónica industrial e oferta parcial de Automatización e robótica industrial; os dous repetirán no 2025/26, con 22 prazas de novo ingreso cada un.

O próximo curso será o CIFP Fontecarmoa o que apareza entre os centros das doce localidades de Galicia nos que a Xunta ofreza por primeira vez formacións aceleradas. Unha nova vía formativa pioneira en España, consistente nunha formación rápida que pode ser concentrada polo alumno en catro meses, de setembro a decembro, ou en seis, de xaneiro a xuño. En todos os casos, orientada a especialidades con alta demanda do mercado laboral que necesitan de profesionais xa, coa obtención dun certificado profesional. No caso do Fontecarmoa, con 44 prazas do Grao Básico de Actividades auxiliares de almacenaxe.

O prazo de matriculación nas titulacións da FP 2025/26 empezará o 16 de xuño e manterase aberto ata o 2 de xullo.