
Organizado polo Club San Martín, o torneo alevín dispútase no campo municipal de Vilaxoán
30 may 2025 . Actualizado á 09:23 h.Apenas mes e medio despois da celebración do torneo cadete masculino, o Club San Martín organiza a segunda edición da Ramiro Carregal Soccer Cup Futfem de categoría alevín (sub-12 e sub-13). Un torneo de tres días, con inicio hoxe e punto final o domingo, con 19 aspirantes ao título que defende o Madrid CFF.
A presenza do Sporting Club de Braga e do Vitoria de Guimarães dota á cita do campo municipal de Vilaxoán de nivel internacional.
Tamén de fóra de Galicia chegan o Bizkerre FT Gobela e o Bizkerre Bolúe, dous equipos que representan á maior canteira de fútbol feminino de Euskadi. De Madrid, ademais do vixente campión, aparecen no cartel da Ramiro Carregal Soccer Cup Futfem o Raio Vallecano, o CD Fuenlabrada Atlantis e a Academia Madrid Panthers, esta última, unha escola de tecnificación con futbolistas de varias provincias de España. O CD Salamanca FF completa a lista de conxunto foráneos.
Entre os participantes galegos, a encabézaa, As Celtas, o novo e ambicioso proxecto de fútbol feminino promovido polo Celta de Vigo. O torneo alevín verá en acción tamén ao SCD Pastoriza, o AD Cristo Rey, o EF Luis Calvo Sanz, ao EFF Sonnoia e ao Narón O Freixo da provincia da Coruña, ao EFF Rosalía da de Ourense, e ao Arcadia EF e o Alondras CF da de Pontevedra, da que chegan tamén As Celtas e o Atlético Vilalonga. Este último, cunha selección das mellores xogadoras da comarca do Salnés, entre elas, Madi, do organizador San Martín.
Ambición
O director deportivo da Ramiro Carregal Soccer Cup Futfem destaca o nivel do torneo nunha categoría feminina, a alevín, que aínda está a dar os seus primeiros pasos en España, así como a intención do club vilaxoanés de converter o seu campionato na referencia do fútbol feminino da categoría no noroeste peninsular.