O Vilalonga encoméndase a un milagre en forma de carambola a catro bandas
AROUSA

O equipo de Alberto Mariano está obrigado a derrotar o potente CD Estradense esta mañá no Novo San Pedro (12.00 horas)
11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Gañarlle a un CD Estradense que precisa a vitoria para asegurar o segundo posto e, con el, o factor campo —volta na casa e pase de eliminatoria se unha hipotética prórroga remata con empate— na vindeira promoción de ascenso á Segunda RFEF. E logo, que o Atlético Arteixo perda na casa coa Sarriana, aspirante a desbancar o CD Estradense do segundo posto, e que Barbadás e Valladares non pasen do empate nos seus campos co Somozas e co Silva, respectivamente, estes dous últimos, sen nada xa en xogo. Esta é a carambola infernal que hoxe, desde as 12.00 horas, precisa o Vilalonga de Alberto Mariano para evitar o descenso, tamén o que implica a caída do Compostela se finalmente non ascende un segundo galego desde a Tercera RFEF. Para eludir o descenso directo, isto é, non aparecer entre os tres últimos clasificados, o cadro celeste precisa gañar e que se dean a lo menos dous dos tres resultados dos seus rivais directos na pelexa pola salvación.
O adestrador do Vilalonga conta con todos os seus efectivos coas excepcións dos mancados de longa duración e Héctor e Álex Barbeito e o sancionado Tomás. «O que non nos pode pasar hoxe é que non poñamos todo da nosa parte. Temos que ir a polos 3 puntos e se logo se dan o resto dos marcadores que precisamos será marabilloso, e se non, darlle unha alegría a esta afección que o merece», declaraba na véspera Alberto Mariano. Sobre o seu rival hoxe, o técnico celeste conta que «é difícil de suxeitar, porque aperta moi alto e ben, pero tamén pode sufrir como calquera equipo que atope un rival que o aperte».