Aprometur, a nova asociación do Grove para promocionar o turismo

Leticia Castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A súa presentación oficial será o mércores 2 de abril no Casino da Toxa

28 mar 2025 . Actualizado á 12:46 h.

Promocionar o turismo e dar solución a necesidades específicas, ese é o grande obxectivo de Aprometur, unha nova fórmula colectiva que acaba de ver a luz no Grove e baixo a que se resgardan xa máis de cincuenta pequenas empresas do sector turístico para facer fronte aos desafíos futuros e mellorar o rendemento dos seus propios negocios.

Nace, segundo contan, da inquietude de actuar de forma conxunta para pór en marcha grandes proxectos que se traduzan en beneficios comúns, dado que o turismo é actualmente o principal motor económico da localidade, e precisa, afirman dun bo impulso. Desde hai algún tempo varios dos seus socios fundadores, un grupo de coñecidos hostaleiros, veñen detectando necesidades ás que non se lle estaba dando ningún tipo de resposta, e que era complicado executar de xeito individual, o que os animou a constituírse no que hoxe é xa unha realidade e chámase Asociación para a Promoción Meca do Turismo, que preside Abel Óscar Fernández, propietario da Taberna Casa Abel.

Chegan con moitas ganas de traballar, cos deberes feitos, entendendo O Grove «como un destino turístico integral e cohesionado», sinalan. En base a iso pretenden traballar conxuntamente para acadar metas colectivas, e afrontar os desafíos cunha actitude optimista e construtiva, cuestión importante para poder seguir crecendo e facer realidade proxectos que van redundar beneficiosamente no municipio.

En Aprometur son conscientes do lugar e a importancia da contorna natural da península e, por iso mesmo, un dos seus valores é tamén o compromiso co sector e co propio territorio. A estes propósitos, que irán debullando progresivamente, súmase o ingrediente da innovación, fundamental para saír adiante, xa que unha das súas grandes premisas é a aposta por ideas novas, en constante adaptación aos retos que vaian xurdindo, que en cuestión turística non son poucos.

A súa presentación oficial será o vindeiro mércores 2 de abril ás sete da tarde no Casino da Toxa, coa idea de seguir captando socios, aínda que o medio centenar existente é unha cifra bastante contundente. A partir de aí hai que «empezar a recoller opinións do sector para planificar as primeiras accións», explica o seu presidente. «Para cambiar e mellorar toca facer algo diferente e hai que demostrar que ese interese é real pasando á acción», advirte Fernández.