O Primeiro de Maio en Arousa: «Se dependes dunha nómina, es clase traballadora e non che decatas»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Catrocentas persoas responderon, practicamente por igual, á convocatoria en solitario da CIG e á manifestación conxunta de UGT e CC. OO. en Vilagarcía

01 may 2024 . Actualizado ás 21:16 h.

Os tres sindicatos maioritarios en Galicia, CIG, UGT e Comisións Obreiras (a secuencia responde aos resultados do último ciclo electoral na comarca), conmemoraron este mércores a Festa do Traballo en Arousa como é habitual desde hai longos anos: con dúas manifestacións separadas e a central nacionalista percorrendo Vilagarcía pola súa conta, mentres as dúas organizacións estatais confluían nunha mesma mobilización. Hai uns cantos puntos de fricción que explican a ausencia dunha acción conxunta no Primeiro de Maio, aínda que foi a reforma laboral que o Goberno de coalición entre o PSOE e Podemos aprobou na lexislatura anterior a que, nesta ocasión, cavou a gabia divisoria a cuxas beiras opostas camiñaron uns e outros.

Aínda que a CIG contou cunha participación lixeiramente superior, a diferenza non foi máis aló dun par de decenas de persoas. Ao redor de douscentos manifestantes responderon a cada unha das dúas convocatorias, que sumadas non acadaron o medio milleiro de camiñantes. A organización nacionalista partiu media hora antes, ás once e media, da Casa do Mar para acabar lendo o seu manifesto na rúa Covadonga, a un paso da praza de Galicia. UGT e CC. OO. describiron un círculo cos xardíns de Ravella como principio e final dunha manifestación que botou a andar ás doce.

Martina Miser

Dun lado, a loita contra a pobreza laboral, que a CIG enarborou como bandeira e segundo os seus datos axexa a un de cada tres traballadores en Galicia, cuxos ingresos se sitúan baixo o limiar do salario mínimo. A central culpa desta situación a un cúmulo de factores, entre os que se atopan as reformas laborais do 2012, impulsada polo primeiro Goberno do popular Mariano Rajoy, e a do 2022, obra da coalición na que Sumar ocupa agora o lugar que antes desempeñaba Podemos.

Doutro, a necesidade de acadar o obxectivo do pleno emprego, cunha sanción positiva desa última reforma, pero a esixencia de políticas que culminen coa aplicación de xornadas que permitan o desenvolvemento dunha vida digna e completa, e salarios que liberen á clase traballadora da soga coa que a escalada de prezos a asfixia, xunto á degradación dos servizos públicos.

Martina Miser

Probablemente, a frase que mellor condense o espírito deste 1 de maio sexa a sentenza que unha muller enunciou fronte aos escasos viandantes que a aquelas horas se animaban a desafiar unha mañá de ballóns e claros de sol, e contemplaban con pasividade o paso das manifestacións: «Se dependes dunha nómina, es clase traballadora e non che decatas».

Polo demais, un par de datos que quizais só interesen aos máis vellos do lugar, pero non deixan de suscitar unha certa reflexión. A mobilización laboral máis numerosa que se lembra en Vilagarcía tivo coincidiu coa folga xeral do 20 de xuño do 2002 contra o denominado decretazo de José María Aznar. Sete mil persoas déronse cita na capital arousá convocadas, naquela ocasión si, polos tres grandes sindicatos. Incluso o cálculo da Policía Local superaba calquera expectativa recente: tres mil manifestantes. O último Primeiro de Maio unitario deuse un ano máis tarde, no 2003, e superou o milleiro de asistentes.

Martina Miser

Protagonismo de Palestina. Máis aló das consignas e os obxectivos puramente laborais, o apoio ao pobo palestino fronte á invasión de Gaza a mans de Israel e ás decenas de miles de mortos que está a provocar, protagonizou a convocatoria en ambas as manifestacións.