Madruga, bocadillo e colas para atrapar unha entrada do trapero Bryant Myers en Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os primeiros rapaces presentáronse ante Exposalnés ás nove da mañá e houbo lea coa venda en Internet

13 abr 2024 . Actualizado ás 20:12 h.

O primeiro anuncio dos concertos da Festa do Albariño para este ano conseguiu este venres formar unha fenomenal cola fronte ao edificio de Exposalnés , en Cambados . Decenas de mozas e adolescentes concentráronse ás súas portas nun intento por facerse cunha das cincocentas entradas a prezo reducido que a concellaría de Festas puña á venda a partir das catro da tarde. Animada pola perspectiva de aforrarse uns euros (15 fronte aos 25 do billete normal), a chavalada comezou a roldar o inmoble da Calzada a iso das nove da mañá, sete horas antes do momento previsto para a apertura do despacho de billetes.

O concerto en cuestión é o que o trapero portorriqueño Bryant Myers ofrecerá en Fefiñáns o 1 de agosto, acompañado por Hard GZ e Recycled J. A súa é a única actuación de pagamento que inclúe o programa. O concelleiro Tino Cordal explicou na súa presentación que se trata dunha aposta polo público máis novo, e a composición das longas colas no exterior de Exposalnés concedeulle a razón. Quen máis, quen menos, comeuse alí mesmo un bocadillo ou unha ración. Teoricamente, á mesma hora púñanse á venda outras cincocentas entradas na web. Con todo, os billetes de 15 euros figuraban como esgotados, algo que enfureció aos internautas.