A Vilagarcía Basket Cup reunirá máis de 7.000 deportistas e acompañantes

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A organización fala dun impacto económico de máis de medio millón de euros

25 mares 2024 . Actualizado ás 18:49 h.

Desde o primeiro partido, este xoves ás dez da mañá, ata o último, o sábado desde as 14.20, a XXVI Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño terá ofrecido 30 horas de baloncesto repartidas en tres días de competición e oito escenarios diferentes. Co recinto feiral de Fexdega coma centro neurálxico e subsedes nos pavillóns vilagarciáns da rúa Castelao, Carril, Guillán, A Torre e Fontecarmoa 2 máis O Pombal de Cambados e o multiusos de Vilanova de Arousa. Un despregue de recursos como nunca se viran na cita deportiva estrela da Semana Santa na capital arousá, froito de dous factores. Por un lado, un novo estirón da VBCup Helena Mariño, con 1.900 deportistas entre as categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e sub 22, con 62 equipos entre as dúas primeiras e 95 as outras catro. A maiores, as obras no pavillón principal do complexo polideportivo de Fontecarmoa obrigaron a tirar da colaboración dos concellos de Cambados e de Vilanova de Arousa.

Ausente por problemas de axenda a concelleira de Deportes deste último concello, Noelia Gómez, a súa homóloga na vila do albariño, agradeceu este luns na presentación oficial do evento no consistorio de Vilagarcía que a VBCup Helena Mariño contase cos dous concellos veciños, salientando a conveniencia de apostar pola colaboración intermunicipal para converter O Salnés nun referente na organización de citas deportivas, que «moven a economía dun concello a nivel de hostalaría e de hoteis», salientou.

As palabras de Gómez seguían a liña das do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e as do presidente do club organizador, o C.B. Vilagarcía. Alberto Blanco, informou de que son 1.200 as camas reservadas só para deportistas no intervalo xeográfico entre Pontecesures e Sanxenxo. «Contaremos con 1.900 deportistas. O Consello Superior de Deportes (CSD) calcula en 2,7 persoas acompañantes por cada deportista neste tipo de eventos e 65 euros de gasto por persoa e día». Datos que o levan a apuntar: «O torneo move por riba do medio millón de euros».

O pavillón da rúa Castelao levará o nome de Helena Mariño desde este mércores

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, abriu a presentación da Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño dándolles as grazas ao club organizador e a todas as Administracións públicas e patrocinadores que o fan posible. Acto seguido, desvelou que, «aproveitando que a VBCup vai ser o epicentro do baloncesto de España esta semana, imos poder saldar unha débeda co Club Baloncesto Vilagarcía: o mércores imos nomear o pavillón da rúa Castelao como Pavillón Castelao-Helena Mariño».

Deste xeito, o goberno local resposta, lembrou Varela, a unha petición que lle fixo o club hai dous anos e que foi aprobada xa polo pleno da corporación municipal. «O nome de Helena Mariño vai quedar ligado para a posteridade ao baloncesto de Vilagarcía, polo que supuxo para esta cidade; é unha persoa que o merecía», concluíu o rexedor.

O presidente do C.B. Vilagarcía e grande amigo de Mariño agradeceu o cambio de nome do pavillón recoñecendo así a figura, salientou, dunha «muller implicada, loitadora e deportista de 10». Xa no torneo, o Cebé homenaxeará a unha segunda figura feminina, Pili Blanco, dándolle o seu nome a unha das pistas da VBCup.