A tenda solidaria que quere facer da segunda man un estilo de vida

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Integración e medio ambiente son as dúas claves do comercio que a oenegué Boa Vida inaugurou fai tres anos en Vilagarcía

29 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O local levaba moitos anos baleiro. Situado nunha esquina da rúa San Roque (Vilagarcía) parecía non atopar quen vise nel o seu futuro. Ata que, fai tres anos, a asociación Boa Vida elixiuno par abrir nel unha tenda de roupa moi especial. Tras as perchas e os andeis atopamos un proxecto que pretende dar unha segunda oportunidade a persoas en risco de exclusión. Faino, ademais, pondo no mercado roupa, complementos, libros e artigos de decoración que xa viviron unha vida, pero que están en perfectas condicións para iniciar unha segunda aventura cos seus novos donos.

Lourdes Bustamante é a coordinadora de tendas da asociación Boa Vida. É a súa voz a que explica como funciona a tenda de San Roque. «A xente dóanos roupa, roupa en boas condicións que nós seleccionamos, revisamos e higienizamos antes de póla á venda», explica. Antes de chegar ás tendas da rede de Boa Vida, as pezas percorren un longo camiño para «garantir que o que ofrecemos aos nosos clientes é de boa calidade e está en perfectas condicións».

E así chegamos á tenda, que nos últimos meses ha dado un xiro expositivo para que «todo se vexa mellor». «Aínda quedan cousas por facer, pero estamos a traballar para que os nosos produtos cada vez estean mellor presentados», insiste Bustamante. Segundo relata, no caso de Vilagarcía «habemos ir evolucionando moi despacito se o comparamos con Pontevedra». Por que? «Na capital arousá —sinala— hai xente moi solidaria, recibimos moitas doazóns. Con todo, parece que é tamén máis reticente a entrar a comprar os produtos que ofrecemos». Segundo explica, na capital arousá as tendas de segunda man seguen sendo miradas como espazos dirixidos a persoas que atravesan unha situación de crise económica, que deben manexarse con poucos recursos.

«Estamos a intentar cambiar esa percepción e que a xente entenda que a segunda man é un estilo de vida, máis responsable socialmente, pero tamén co medio ambiente, e que nestas tendas podes atopar pezas moi boas a moi bo prezo», argumenta Bustamante.

Martina Miser

Hai quen xa o ten claro. Como unha avoa e unha nai que onte pola mañá visitaban o local de San Roque. «Calquera que teña nenos sabe que hai moitísima roupa que se lles queda pequena completamente nova», din mentres revisan os expositores e elixen algunhas pezas. Tamén levan algúns xoguetes e ata un adorno «como o que había en casa da avoa. Polo prezo que ten, pódescho levar». Bustamante confía en que esa percepción creza, especialmente entre a xente nova, que cada vez ten máis claro que a segunda man é unha proposta «necesaria e amigable».

Os prezos da tenda da esquina de San Roque son moi alcanzables, e máis aínda os martes e os mércores, cando se ofrecen descontos importantes. «Os prezos son sumamente baixos, porque a nosa idea é que as cousas teñan saída, que se reutilicen», explica a coordinadora de tendas de Boa Vida, uns negocios que pretenden dar unha oportunidade laboral a persoas que o necesitan, «facéndolles acompañamento para que se poidan dignificar a través do traballo».