O Entroido arousán colle ritmo e cor na véspera dun dos seus días grandes

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A Illa, Cambados, Ribadumia e a festa infantil da Peixería foron o preludio dos desfiles multitudinarios que se celebrarán hoxe no Grove e Vilagarcía

13 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O luns de Entroido no Salnés é luns da Illa. Hai xa moitos anos que os mozos da comarca ten marcada en vermello esa data como un dos grandes despiporres da xolda carnavalero. Con xusta fama, ademais, porque a festa e a diversión están servidas no municipio arousán durante boa parte do día e practicamente toda a noite. En realidade, o luns carnavalero ha ir facéndose un oco no calendario dos máis festeiros, e máis nun día como onte no que o a choiva, que parecía que ía coarse na festa pero que finalmente se quedou na porta, non fixo acto de presenza.

Non só na Illa houbo esmorga, posto que tamén en Cambados e en Ribadumia saíron os disfraces a rúa. Na vila do albariño celebrouse o baile infantil no salón José Pena. Hoxe haberá inchables gratuítos no Parque de Torrado, o baile de disfraces xuvenil e adulto na praza Alfredo Brañas e o concurso de comparsas tamén na céntrica praza. Tamén houbo desfile infantil e de carrozas en Ribadumia e estaba prevista a actuación de Javi Solla para os máis pequenos na carballeira de Barrantes.

En Vilagarcía celebrouse a gran festa infantil, coa Duendeneta ao mando da animación musical e con talleres de confección de máscaras, disfraces, pintado de caras ou de chapas. Todo iso nunha praza da Peixería que estivo abarrotada durante toda a tarde e no que os espráis de neve artificial tiveron un notable predicamento entre a rapazada, que acudiu en gran número á cita.

Todo iso na previa dun dos días granes do Entroido arousán, que ten hoxe martes dúas citas destacadas. Por unha banda, no Grove, onde se celebrará a Gran Marcha do Entroido Meco. O desfile polo sambódromo grovense arrincará ás cinco da tarde e a entrega de premios celebrarase ás 20.30 no pavillón municipal de deportes cunha festa que animará DJ de Studio 21.

A celebración máis multitudinaria da comarca será a que se celebre en Vilagarcía. O seu tradicional desfile do Martes de Entroido saca a miles de persoas á rúa para apiñarse nas beirarrúas. Son 16 as carrozas que se anotaron para a presente edición do certame, chegadas de todas partes do Salnés, do Ullán e mesmo de Vigo. Apunta o Concello de Vilagarcía que no desfile participarán ao redor de setecentas persoas. «A partir das cinco da tarde o Entroido invadirá as rúas da cidade co esperado desfile no que participantes procedentes de Vilagarcía, Meis, Moraña, Valga, Catoira, Padrón, A Illa de Arousa, Vilanova, Caldas de Reis, Redondela e Vilalonga exhibirán a creatividade e a orixinalidade vertida na elaboración dos disfraces que encherán a xornada de humor, sátira e alegría. Disfraces individuais e de parellas, xunto aos das agrupación e aos tradicionais choqueiros dinamizarán as rúas e competirán por conseguir algún dos premios nos que a Concellería de Cultura repartirá este ano 6.800 euros», explica Ravella.

Os cortes de tráfico

A celebración do desfile do Martes de Entroido en Vilagarcía traerá consigo restricións de tráfico. A Policía Local advirte de que os aparcadoiros deberán quedar libres ás tres da tarde e os cortes de tráfico comezarán ás cinco menos cuarto. As rúas afectadas serán as seguintes: praza Doutor Carús, rúas Alexandre Bóveda (entre Dr. Carús e Castelao), Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón (entre Alejandro Cerecedo e praza de España), praza de España, Edelmiro Trillo, Pai Feijoo, praza da Independencia, San Roque (ata a confluencia coa rúa Santa Eulalia) e Juan Carlos l (ata a praza de Ravella).

Ademais de recomendar que, na medida do posible, evítese utilizar o coche esta tarde, a Policía Local aconsella aos veciños que garden os coches nos garaxes ou usen os estacionamentos disuasorios.