Os xuvenís de Perú, cun mancado no campo no treito final, ceden un punto no desconto

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Arousa empata a 2 cun Val Miñor que tiña sometido na segunda parte

11 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Golpe anímico o encaixado onte polo primeiro equipo xuvenil do Arousa en Zacande fronte ao Val Miñor. Un rival que saíu vivo da súa visita ao Salnés, mantendo o seu punto e o seu posto de vantaxe respecto ao conxunto que dirixe Perú grazas ao 2-2 final, con gol no tempo engadido do visitante David Fernández que estende a catro as xornadas consecutivas sen gañar do cadro vilagarcián.

O Arousa comezou dominando o primeiro cuarto de hora de xogo, con máis dunha acción roldando o gol. Pero pronto o Val Miñor gañou a pelexa física no centro do campo, inda que sen xerar a penas perigo ante a portería de Juan, ata que a tres minutos do descanso Daniel Rosas aproveitou un pase filtrado dun compañeiro previo roubo do balón ao equipo local para subir o 0-1.

Perú fixo un triplo troco de pezas nada máis volver do parón e o movemento transformou o escenario do choque. O Arousa colleu as rendas do partido e cunha gran xogada persoal de Campos, driblando a varios rivais antes de rematar, e cun centro lateral de Memet cabeceado ao segundo pau por Seijo púxose 2-1 no minuto 55.

Os de Perú tiveron un bo fato de ocasións para matar o choque. Non o fixeron e a dez minutos da conclusión o Val Miñor espremeu a vantaxe física de ver a un Iván mancado no campo cos trocos locais esgotados para, na derradeira xogada do partido, poñer o 2-2.

FICHA DO PARTIDO:

AROUSA (2): Juan, Dani Neto, Prieto (Folgar, min 46), André, Sindo, Seijo (Joel, min 67), Noel (Alejandro, min 76), Couso, Iván, Tymo (Memet, min 46) e Raúl (Campos, min 46). 

VAL MIÑOR (2): Roi, Zambrana (Alexandre, min 66), Aguayo, Loureiro, David Pérez, Adrián, Enrique (Agustín, min 66), Iker, Daniel Rosas, David Fernández e Anxo (Raúl, min 79). 

GOLES: 0-1, min 42: Daniel Rosas. 1-1, min 48: Campos. 2-1, min 55: Seijo. 2-2, min 90: David Fernández.

ÁRBITRO: Asier Manuel Fariña Biasi. Amonestou ou xogador arlequinado Sindo e vos visitantes Iker, Adrián e Agustín.