Luisito di que ao Arousa só lle vale a vitoria na súa visita ao Gran Pena

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os arlequinados enfróntanse a un rival directo na pelexa polo ascenso

04 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que o obxectivo principal sexa ir fornecendo de xogadores ao conxunto que está por amais , ningún equipo filial renuncia aos puntos, é dicir ao ascenso, porque canto máis arriba estea, maior esixencia para os futbolistas e máis posibilidades, polo tanto, de que o salto sexa máis factible. E nesa conxuntura está o Gran Pena Ceña C, que é o adversario ao que hoxe (Barreiro, 13.00)enfrontarase o Arousa. Si, o obxectivo principal non é o ascenso, pero se chega benvido será e, en todo caso, a presión dos resultados non ten por que acompañase aos xogadores.

E nesas están os olívicos. Nun si, pero non. É evidente que son uns dos principais candidatos a dar o salto de categoría, pola calidade que atesouran no persoal, pero que tamén o seu caso é especial, con xogadores que veñen e van, que soben e baixan ao Celta Fortuna. En calquera caso, o que está claro é que o ano non lle está indo nada mal, ao conxunto olívico. Os vigueses parecen os únicos con capacidade de seguir o machacante ritmo do Bergantiños, que camiña a ritmo de foguete cara ao ascenso directo.

O partido, sen dúbida, é un deses nos que o Arousa non se pode permitir tropezar. Asegurábao o propio Luisito na previa, cando dicía que, de entada, ao seu equipo só lle vale a vitoria. E así é. O cadro olívico ten oito puntos máis que o Arousa na táboa. Unha derrota dos vilagarciáns suporía despedirse de calquera esperanza de poder acadarlles; o Bergantiños, que onte gañou ao Rápido de Bouzas e xa avantaxa en trece aos vilagarciáns, está noutra esfera.

«O equipo está con moita moral. Sabemos que vai ser un partido moi complicado. É un equipazo, con xogadores de moitísimo nivel e moitos deles chegasen ao fútbol profesional», apunta o adestrador do conxunto arousán. Luisito vaticina un partido que ofrecerá alternativas para ambos os conxuntos, no que tocará saber manexar tanto o mando como o verse dominados. «Sabemos que vai ser un partido tremendo. Durante o partido vai haber momentos nos que nos van facer sufrir e otos nos que nós faremos sufrir ao filial. É un partido complicado, pero eles tamén saben que se enfrontan a un rival complicado», apunta o de Teo.

O preparador do Arousa recoñece que a tempada está xa nese momento no que non se admiten esvaróns se se quere estar arriba ao final do exercicio. «Na segunda volta, todos os puntos que che deixes marchar xa son irrecuperables. Sabemos que non podemos fallar moito se queremos estar en postos de play off. Hai que estar supermentalizados de que temos que ir alí a gañar respectando a un rival que esta por amais nosa e facendo unha campaña impresionante», afirma o adestrador do Arousa. No encontro da primeira volta disputado na Lomba o resultado foi de empate a cero, polo que o conxunto que gañe hoxe terá a diferenza particular de goles ao seu favor en caso de empate a puntos ao finla de tempada.