Os cambadeses teñen que ir a Vilagarcía para facer as súas xestións ante Consumo

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O servizo de atención ao público retomarase esta semana, segundo informa Tino Cordal

31 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Cambados é un dos Concellos da comarca que conta cunha oficina municipal de Consumo , pero, ultimamente, o servizo non funciona como debese. Desde hai meses, veciños que acoden ao consistorio co fin de tramitar unha reclamación vanse sen carga e coa recomendación por parte do funcionario de quenda de que acudan á oficina de Vilagarcía. De feito, en Ravella confirman que nos últimos tempos están a recibirse máis consultas do habitual por parte de veciños da vila do albariño e doutros municipios da comarca, dado que na oficina cambadesa estaban a atenderse, tamén, a usuarios de Ribadumia , A Illa, Vilanova ou Meis.

O concelleiro delegado desta área, Tino Cordal, informa de que a falta de servizo limitouse ao mes de xaneiro pola ausencia do traballador que se encarga de atender ao público, pero o certo é que xa no outono houbo persoas que acudiron ao Concello co propósito de presentar unha reclamación e non puideron facelo. Tino Cordal sinala que a situación se normalizará a partir desta mesma semana, coa incorporación do traballador ao seu posto.

As caras cambiaron na oficina de Consumo de Cambados desde a pasada primavera por mor da xubilación do funcionario que viña encargando do servizo nos últimos anos e da marcha de Xurxo Charlín do goberno local. Ambos compartían despacho na primeira planta do consistorio e o concelleiro asumía a tramitación de moitas das reclamacións que expuñan os usuarios. Neses anos tramitábanse entre 150 e 200 expedientes anuais, na súa maioría relacionados con compras por Internet e as facturas das compañas eléctricas e de telefonía. A oficina municipal de Consumo mesmo chegou a organizar charlas informativas como a convocada para informar á cidadanía sobre as cláusulas adoito das hipotecas.