Unha solitaria poutada do Choco curta o excelente refacho do Arousa xuvenil (0-1)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os de Perú tiveron máis e mellores ocasións fronte a un rival que aproveitou practicamente a que tivo no partido

28 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres vitorias e outros tantos empates. O refacho do Arousa de Perú viu escrito onte o seu punto final. O C.D. Choco, rival directo na zona media-alta da clasificación do Grupo 1 da División de Honra Xuvenil, levou os tres puntos en xogo no sintético de Zacande, superando agora nun punto ao seu onte anfitrión. E iso, mercé a unha única poutada nun partido no que o conxunto vilagarcián manexou a posesión e dispuxo das mellores ocasións de gol, pero sen sorte na finalización.

Os pupilos de Perú entraron con forza no encontro. Empurrando ao Choco, que soubo sufrir xuntando con acerto e solidariedade as súas liñas e buscando facer dano cando podía con contragolpes que case sempre buscaban a Pereira na banda dereita. Pero foi o Arousa o que roldou o gol con máis empeño, con tres remates cargados de veleno.

Álex dispuxo dun man a man co porteiro visitante, Aitor, pero este tivo a habilidade de abortar o seu intento de marcar. Despois foi Noel o que probaría sorte, cun tiro na frontal da área que se marchou lixeiramente desviado. Raúl, cunha diagonal na área, topouse novamente coa excelente intervención do gardameta do Choco antes da xogada que acabaría decantando o partido.

Corría o minuto 34 cando un centro lateral deu pé a un barullo nos dominios do porteiro arlequinado que Álex Graña transformou en ouro tras tocar o esférico nun defensor.

O Arousa adiantou a súa presión tras o descanso, correndo o risco de verse sorprendido nalgunha contra. Non foi así, mais a aposta de Perú non forneceu efecto. Só nas postrimerías do choque a punto estivo o cadro local de salvar un punto, nun centro de Campos con cabezazo de Seijo que un central do Choco sacou baixo paus.