Jéssica Bouzas tomba a Marina Bassols e xogará as semifinais do W75+H Porto

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Pedro Pimenta

Sumou a súa primeira vitoria no circuíto profesional sobre a catalá (6-4 e 6-3), cabeza de serie do torneo portugués

26 ene 2024 . Actualizado ás 20:35 h.

Jéssica Bouzas Maneiro pelexa na mañá deste sábado por acceder á súa primeira final do 2024. Tras o seu discreto inicio de tempada en Australia, con derrotas nos cadros das previas do W125 Workday Canberra International (segunda rolda) e do Open de Australia (primeira eliminatoria), a tenista vilagarciá volveu con forza esta semana ao rodo no W75+H Porto. A francesa Elsa Jacquemot, desde as 12 (hora española) é o seu penúltimo escollo cara ao trofeo en xogo nas pistas duras do Complexo de Ténis do Monte Aventino da cidade portuguesa.

Tres roldas superou desde o martes Bouzas Maneiro para chegar ata aquí. Facéndoo sen ter cedido un só set. A lusa de 23 anos Francisca Jorge, número 207 do ránking mundial e presente en Porto grazas a unha wild car (invitación da organización), foi a súa primeira vítima, cun dobre 6-2 en 1 hora e 13 minutos. A sueca de 28 anos Rebecca Peterson, cabeza de serie número 6 en Porto e número 128 do circuíto profesional, tampouco se lle resistiu á tenista arousá, que se impuxo no seu duelo por 6-4 e 6-1 en 1 hora e 25 minutos de partido. E este venres, na rolda de cuartos de final, foi a primeira cabeza de serie do torneo, a catalá Marina Bassols, número 111 da lista WTA e quinta mellor raqueta feminina española do momento, a que sucumbiu ante a forza e o xogo de Jéssica: 6-4 e 6-3 en 1 hora e 35 minutos na pista número 1 do Complexo de Ténis do Monte Aventino.

A pesar da duración do choque, o de Bouzas e Bassols foi un duro enfrontamento, que ambas abriron rompéndose o saque nos dous primeiros xogos. No terceiro, a galega aproveitou o seu servizo para pórse por diante, 2-1. E no oitavo, devolveu os breaks á ecuación, collendo dous xogos de vantaxe, 5-3, que deron paso a outras dúas roturas de servizo alternas coas que se pechou a primeira manga: 6-4. 

Jéssica Bouzas arrincou o segundo set cun irresistible 2-0, birlándole ao resto o segundo xogo a unha Bassols que o acabou en branco. A catalá reaccionou colocándose 3-2 por diante, culminando o seu parcial coa devolución do rosco ao seu rival. Foi o canto do cisne da de Blanes, incapaz de cortar o acelerón en pista da vilagarciá, sustanciado en catro xogos consecutivos para o seu zurrón e un 6-3 que puña punto final ao partido.

O triunfo resulta sin duda unha lombeirada anímica para Jéssica Bouzas tras o seu paso por Australia. Por derrotar á cabeza de serie número 1 en Porto, e por conseguir a súa primeira vitoria ante unha das referencias do tenis feminino español, coa que caera nos seus dous enfrontamentos anteriores, ambos no ano 2021 en senllos W25: 7-6 e 6-1 no torneo de Platja D'Aro e 6-1, 4-6 e 6-4 en Loule (Portugal). Entón, a catalá contaba 21 anos, por 18 a galega, hoxe número 164 do circuíto mundial.

A rival de Bouzas Maneiro en semifinais, a gala de 20 anos e número 176 do circuíto mundial Elsa Jacquemot, chega ao seu partido tendo descansado onte, tras a retirada de Kathinka Von Deichmann antes do inicio dos seus choque de cuartos de final.