Este é a repartición por concellos dos máis de 800 afiliados á Seguridade Social que gañou Arousa no 2023

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Catoira, nunha porcentaxe espectacular, e Vilagarcía lideraron a subida interanual, da que só se mantiveron á marxe tres municipios da comarca

26 ene 2024 . Actualizado ás 09:21 h.

O de decembro non foi un bo mes para o mercado laboral da comarca a tenor dos datos recentemente publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. O conxunto dos once municipios do sur de Arousa e o interior do Salnés perderon 645 afiliados respecto dun mes antes, caendo dos 33.225 do 30 de novembro ata os 32.580, case un 2 % menos. Con todo, na comparativa interanual, espello máis fiel da realidade dunha economía con dentes de serra e tan marcada pola estacionalidade e as campañas comerciais como a arousá, o balance guinda a feliz cantidade de 823 afiliados máis ao peche do 2023 que os que había nos rexistros da Seguridade Social na despedida do 2022.

O paso de 31.757 afiliados a 32.580 supón un aumento interanual do 2,6 %. Un comportamento positivo experimentado en oito dos once municipios da comarca, con Catoira moi destacado. E é que o concello viquingo rexistrou un espectacular incremento do 19,4 % no seu número de contas asociadas na Seguridade Social, con 664 o pasado 31 de decembro, 108 máis que as 556 do ano anterior.

Medio milleiro máis en Vilagarcía

En cifras totais, é Vilagarcía de Arousa a que experimentou un maior crecemento no seu número de afiliados, con 516 máis, 11.585 fronte aos 11.069 do 2022, un +4,66 %. Tamén por amais do centenar de afiliados gañados figura Cambados, ao contrastar os 4.983 de doce meses atrás cos 5.129 do último balance actualizado, o que resulta unha suma de 146. Meaño aumentou no último ano o seu número en 52, ao pasar de 1.548 a 1.600, Vilanova de Arousa en 42, de 2.850 a 2.892, Valga en 32, de 1.815 a 1.847, Ribadumia en 25, de 1.633 a 1.658, con Pontecesures mostrando a evolución positiva máis discreta, ao engadir 5, de 917 a 922.

Só tres municipios mostraron un comportamento negativo a nivel de afiliacións á Seguridade Social. A Illa de Arousa perdeu 46, caendo das 1.411 ás 1.365, O Grove 41, de 3.433 a 3.392, e Meis 16, descendendo das 1.542 ás 1.526.

As 32.580 afiliacións á Seguridade Social na comarca son máis de mil respecto das 31.460 rexistradas no 2019, xusto antes da pandemia; certo é, unha cifra esta última xa superada en Arousa no 2021, con 31.486. 

Subida concentrada nos traballadores do réxime xeral, pero tamén crecen os autónomos

O groso dos afiliados á Seguridade Social cotizan polo réxime xeral. No caso dos once municipios do sur de Arousa, 64 de cada 100, para un total de 20.908 a 31 de decembro do 2023. De feito, foi o réxime xeral o que concentrou o groso do incremento de cotizantes o ano pasado, sumando 868 aos 20.040 rexistrados ao peche do 2022, un 4,3 % máis.

Dos outros catro réximes de cotización con afiliacións na comarca —todos excepto o do carbón e minería—, outros dous sumáronse á onda de crecemento durante o ano pasado. O agrario gañou 10 cotizantes, pasando dos 111 aos 121, cun 9 % máis. E o réxime especial dos traballadores autónomos despediu o ano 2023 frisando os 7.700 afiliados á Seguridade Social, para situarse nos 7.697; ou o que é o mesmo, 61 máis (+0,8 %) que os 7.636 que cotizaban en decembro do 2022.

Un centenar menos de profesionais do mar cotizando

A cruz do comportamento do mercado laboral arousán no 2023 deuse en dous réximes de cotización, un deles, especialmente sensible no armazón da economía da comarca. Falamos do do mar, onde se perderon 103 afiliados á Seguridade Social, ao caer aos 3.412 desde os 3.515 ao acabar o 2022 (-2,93 %). No réxime de traballadores do fogar, un sector fortemente feminizado, son 13 cotizacións menos, de 455 a 442 (-2,86 %).