Dos pobres municipios turísticos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O Grove / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A maior ou menor renda media non semella obedecer á influencia do turismo, senón á doutros sectores produtivos

29 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Como veño dicindo aquí, hai un dato incuestionable: a importancia extraordinaria do sector turístico no PIB do Estado, nos últimos anos entre o 12 e o 14 %. Tamén no número de empregos, ó redor dos tres millóns. Vale. Sen embargo, no turismo concorren moitos factores que non se teñen en conta.

En primeiro lugar, resulta unha actividade, digamos, subsidiaria: o turismo non depende da vontade dos destinos, senón de que estes dispoñan de atractivos. O clima, o medio ambiente, as praias, o patrimonio cultural, a gastronomía fan nacer arredor deles esa afluencia de viaxeiros. Iso significa que o sector turístico explota eses recursos comúns e depende deles.

En segundo lugar, tamén inflúe a inversión pública en promoción, en dotación de infraestruturas, seguridade, limpeza e servizos e un senfín de achegas públicas. Na conta de resultados das empresas turísticas non se descontan eses investimentos, gastos e custes que provoca o turismo e detrae dos orzamentos de cada municipio e, polo tanto, resta de servizos para os veciños. Tampouco están no seu patrimonio praias, natureza nin clima. Ademais, nos destinos de turismo masivo prodúcense evidentes incomodidades para os residentes que, sucintamente, vense na obriga de compartir o seu espazo, ata sentírense excluídos.

Diante de todo isto, esténdense —Cataluña, Valencia, Baleares, non Galicia— as taxas turísticas como un xeito de apoiar aos municipios para afrontar os custes do turismo masivo. Así que parece claro que o turismo contribúe á economía sen que se computen os gastos públicos necesarios; e tamén que afecta aos residentes xerando os fenómenos coñecidos como turismofobia ou xentrificación. Por aquí aínda estamos na etapa de gabarnos sen pensar en nada máis que mencionar tantos millóns de visitantes, sen que se estea a facer en ningures cálculos de custes e beneficios, obnubilados porque se nos vén dicindo desde os anos sesenta do século pasado que o turismo crea emprego e contribúe ao PIB.

Imos ver, moi por riba, o caso do Salnés. En Galicia, a Lei de Administración local —que habería que reformar neste aspecto— clasifica aos municipios turísticos dun xeito obsoleto e por aplicación dela, designáronse como tales nesta zona Vilagarcía, Cambados, O Grove e Sanxenxo, aínda que resulta opinión común que o turismo masivo padéceno O Grove e Sanxenxo, cun tapado como A Illa. E sófreno de moitos xeitos: obrigando a eses concellos a dispor de infraestruturas e custes, a veces insoportables, ou, aparte das molestias no día a día aos veciños, tamén en que, en función do turismo, os bens inmobles son taxados en maior valor obrigando aos que, por exemplo, teñen que pagar impostos de Transmisións Patrimoniais, Sucesións, plusvalías, mesmo repercusións no IRPF, a pagar un importe máis alto que noutros concellos estremeiros.

As rendas medias falan claro

Un pensaba que polo feito de residir nun municipio turístico a renda media dos seus veciños debería ser superior á dos non turísticos. E non é así. Só dispoño dos datos do 2020 que tomo do INE. Permítome poñer aquí esas rendas medias. Os máis turísticos son, como dixemos, O Grove e Sanxenxo, despois Illa e, seguramente, Cambados. Non parece que Vilagarcía, Meis, Valga ou Pontecesures, soporten turismo masivo. Estes son os datos: A renda media é parella no Grove e Sanxenxo: 10.333 e 10.863, respectivamente. Pero Meis ten 10.252, Cambados 10.396, Valga 10.919 e Illa de Arousa 9.573. Así que pode ocorrer que existan moitos negocios hostaleiros —que serán rendibles ou non—, pero non queda clara a influencia do turismo na renda media dos veciños dos municipios con turismo masivo e, polo tanto, na distribución de riqueza, sobre todo se vemos que Vilagarcía alcanza 11.003 e Pontecesures 11.217 euros e, polo tanto, semella que esa maior renda media obedece á influencia doutros sectores produtivos. Así que, unha vez máis: fai falta pararse e estudar este sector se queremos mantelo, pero tamén para protexer aos residentes.