A Illa é un dos 18 concellos de Galicia premiados coa Bandeira Verde

La Voz OURENSE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Ángeles Vázquez animou a todos os municipios galegos a presentarse a este galardón que pretende sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais fan polo futuro

21 oct 2023 . Actualizado á 11:27 h.

A Xunta reafirmou o seu compromiso contra o feísmo coa concesión da Bandeira Verde de Galicia a 18 concellos e coa inclusión nos presupostos do 2024 dunha partida de dous millóns para corrixir impactos paisaxísticos. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de entrega destes distintivos no concello de Porqueira. A Bandeira Verde concédese a aqueles territorios con boas prácticas ambientais, e de protección e conservación da paisaxe. O obxectivo é dar visibilidade a estes municipios como entidades responsables.

Este ano, os concellos de Burela, A Illa de Arousa, Oleiros, Porqueira e Sanxenxo foron galardoados por primeira vez e os de Alfoz, Cervo, Curtis, A Laracha, Moaña, Mondoñedo, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son, Ribeira e Sober revalidaron este distintivo. Durante a súa entrega, Ángeles Vázquez animou a todos os municipios galegos a presentarse a este galardón que pretende sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais fan polo futuro.

A conselleira falou de ordenar o territorio e protexer o medio ambiente e a paisaxe e para afrontar o cambio climático, mellorar a eficiencia enerxética, xestionar de xeito responsable os residuos municipais e sensibilizar aos cidadáns.