A Festa do Marisco do Grove encara a recta final cun éxito irresistible

leticia Castro O Grove / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os mexillóns tigre, as nécoras e os percebes se agoraron onte

15 oct 2023 . Actualizado ás 11:53 h.

A Festa do Marisco encaraba onte a súa recta final tras ter superado o venres o rexistro total de vendas do 2022 e cunha afluencia que prometía outra xornada histórica. Xa non se servían mexillóns tigre, esgotados desde o día anterior, e o recinto quedou tamén sen percebes e nécora, un xénero do que normalmente hai menos provisións. As colas eran de varios metros nas inmediacións das carpas degustación, e no recinto comezaron a desfilar as tradicionais penas do Marisco, a máis numerosa a Rampona, coas súas camisetas de Cala Rampona Fest. A eles uniuse outra cunha ducia de integrantes con mandiles e gorros de cociñeiro, Pena Birbiricho.

Onte uníanse tamén á cita, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Agustín Regueira e a senadora popular Pilar Rojo, unha visita institucional que Regueira aproveitou para mostrar o apoio do goberno á que cualificou como unha das festas gastronómicas máis importantes do territorio nacional. O delegado encomiou a organización do evento tras visitar cada un das casetas de produto e probar algún dos pratos elaborados. Desde o executivo autonómico sinalaron que confían en que durante a próxima edición, a cita sexa declarada de interese turístico internacional xa que ten as vimbias para que así sexa: «Voume encantado desta festa», confesaba Regueira, encomiando tamén a calidade do produto. O rexedor, Jose Cacabelos, agradeceu a deferencia, mostrando boa sintonía coa Xunta.

O ambiente no recinto era inmellorable, nas casetas seguiu reinando ao mediodía o arroz de mariscos, con 1.035 racións, o polbo con 847 pratos, as zamburiñas con 693 e as navallas con 680. Unhas vendas que desde o goberno se cualifican «inmellorables», certificando que o mellor marisco se atopa nestas augas. Mentres tanto na carpa institucional houbo contacontos a cargo da editora local Patasdepeixe, integrante do colectivo Grovemakers, e unha charla de concienciación social anunciando o festival de axuda aos refuxiados Nos Seus Pés que terá lugar a próxima fin de semana.

No musical, a proba de son dos madrileños A A Love You espertou o interese de moitos visitantes que habían vindo exprofeso a velos. Era o aperitivo do que parecía unha gran noite en brillouna o pop punk e unha especie de «folktrónico» da man dos galegos Lontreira. En paralelo tiña lugar a tradicional Noite Meiga, un espectáculo de música e danza representando á Santa Compaña e que remataba coa preparación da queimada que se serviu aos asistentes.