Vilagarcía quere ser «a gran cidade do Samaín» unindo a Noite Meiga ao Curtas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O evento nocturno trasládase do verán ao 28 de outubro, con opinións dispares entre as asociacións participantes

08 ago 2023 . Actualizado ás 19:05 h.

O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa será este ano máis terrorífico que nunca. Ata o punto de que o goberno local pretende que a capital arousá se converta en , «a gran cidade do Samaín»a gran festa enraizada na cultura galega ao redor da morte que se celebra a noite de Todos os Santos. Con tal fin, o Concello de Vilagarcía, de acordo coas partes implicadas, recolocou a celebración da Noite Meiga, trasladándoa desde a súa habitual localización nas follas estivais do calendario ao 28 de outubro, o primeiro dos dous sábados da próxima edición do Curtas.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, explica que a decisión ten a súa orixe no cambio de datas da Noite Meiga realizado o ano pasado. Tras celebrarse sempre desde a súa primeira edición, 20 anos atrás, o último sábado de agosto, o evento, coa participación dunha decena de asociacións culturais, sociais e económicas locais, adiantouse no 2022 á segunda quincena de xullo. O motivo, o desexo do goberno local de tras «non facer coincidir dúas programacións potentes» promover o colectivo O Soño de Lilith o Festivala, destinado á visibilización do talento creativo das mulleres. A previsión do Concello era repetir este ano ao distribución de eventos no calendario. Ata que a dirección do Curtas «ofreceu unha idea potente e acaída», sinala Outón: incluír a Noite Meiga no programa do certame fantástico na súa próxima edición, que estará centrada nas pantasmas.

Hai un mes a proposta foi trasladada ás entidades que dan vida cada ano aos poboados da Noite Meiga cos seus membros ataviados de seres máxicos. A resposta maioritaria foi si. Outón adianta que nada vai cambiar no concepto da que fora durante dúas décadas a última gran cita festiva do verán en Vilagarcía: «A idea é manter a esencia da Noite Meiga. Vaise seguir servindo rosquillas e queimada gratis, que porá de novo o Concello xunto o material e a montaxe, e cada asociación a súa tapa particular».

A fin de colaborar no éxito do experimento, o goberno local baralla «facer un esforzo a nivel de decoración». De fondo, declara a concelleira de Cultura: «A nós interésanos moito máis desestacionalizar o turismo e traer xente a finais de outubro, que é moito máis complicado, ca no verán». E neste caso, facelo sobre o principio de que «sumar elementos sempre multiplica».

Neste punto, existen opinións dispares entre parte das asociacións que dan vida aos poboados da Noite Meiga. Rocío Louzán, presidenta de Zona Aberta, un dos colectivos que participaron en todas as edicións do evento, declaraba onte que «os nosos asociados non están de acordo coa modificación da data. Era una cita consolidada o derradeiro sábado de agosto e non debera cambiarse, como non se cambiaría a Festa do Albariño nin a Romaría Vikinga». Devandito isto e apuntando un descenso de asistencia á Noite Meiga o ano pasado, Louzán aclara que o problema non é co Curtas, ao contrario: «Isto empezou o ano pasado co cambio de datas do Concello polo Festivala. Nós estamos de acordo en facer unha actividade para colaborar co Curtas, algo tipo magosto, pero á marxe da Noite Meiga».

Carlos Puga, presidente da Agrupación Micolóxica A Cantarela, outra das pioneiras da Noite Meiga, sinala pola súa banda que «nós estamos para colaborar co Concello; por outra banda, vemos interesante potenciar o que está a facer a xente do Curtas, porque son moi serios e todo o que sexa colaborar con eles parécenos interesante». E despois, di Puga, «haberá que facer un estudo a ver como funcionou» a mestura.