SOS Sanidade volve saír ás rúas do Salnés

R. Estévez, L. Castro VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ao redor dun centenar de persoas secundou a protesta organizada en Vilagarcía; houbo outra concentración no Grove

27 abr 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao redor dun centenar de persoas déronse cita onte pola tarde na praza de Galicia, convocados por SOS Sanidade Pública; unhas duascentas fixeron o mesmo no Grove. A protesta na capital arosuana finalizou coa lectura dun manifesto no que se anuncian novas actuacións encamiñadas a facer chegar á Xunta o malestar cidadán pola situación da Atención Primaria. O día 9 de maio, data para o debate no Hórreo dunha Iniciativa Lexislativa Popular auspiciada por SOS Sanidade Pública, convocouse unha nova concentración ante o Parlamento.

Será un elo máis dunha cadea de mobilizacións que levan tempo sucedéndose. O pasado 12 de febreiro, sen ir máis lonxe, celebrouse unha manifestación en Compostela que reuniu, segundo a plataforma, a máis de 50.000 persoas. «Esta enorme mostra de descontento co estado da sanidade pública galega foi respondida con desdén, desprezo e prepotencia polos responsables da Xunta», sinalaba o comunicado.

Segundo relatan desde SOS Salnés, «nada mudou na política sanitaria galega» desde entón. E relátano así: «Continúa a falta de persoal sanitario, seguen pechadas consultas e PAC, as listas de espera continúan medrando e a xente enferma é tratada, maioritariamente, mediante consulta telefónica». Segundo SOS Sanidade Pública, «as únicas medidas adoptadas consistiron en pequenas melloras salariais para o persoal médico, suprimir acceso a prazas sen exame, pequenos cambios burocráticos ou suprimir a obrigatoriedade da dedicación exclusiva do persoal do sistema publico, para beneficiar á privada».

Renunciar a unha Atención Primaria de calidade e á sanidade pública «suporía un desastre de consecuencias incalculables para a saúde da poboación, para o sistema sanitario público e para o persoal sanitario», sinala a plataforma, desde onde advirten que desmantelar a rede de Primaria «é o primeiro paso para a privatización do sistema sanitario público e para abrir as portas aos seguros sanitarios privados». Cifran o principal problema na falta de financiamento, nunha mala organización e xestión e nos continuos recortes de persoal. Falan tamén de «as barreiras de acceso aos centros de saúde e PACS; do abandono da atención integral, a promoción, prevención e rehabilitación; do sometemento da Atención Primaria ás xerencias hospitalarias; a supresión das áreas sanitarias que permitirían coordinar os recursos sanitarios, socio-sanitarios e administracións locais». E reclaman que se incremente o orzamento para a Primaria, «recuperar e incrementar o persoal», «mellorar a dotación e equipamento dos Centros de saúde e PACS, poñer a atención primaria no eixo do sistema».