Carlos Bicada colga «Embaixadoras» nas paredes do Parlamento de Galicia

leticia castro O Grove / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O cadro do grovense formará parte da colección de arte da cámara

17 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Un cadro de Carlos Álvarez Bicada ocupará as paredes do Parlamento de Galicia. Trátase da obra Embaixadoras, un óleo sobre táboa executado polo pintor no 2021 que reflicte a un grupo de mulleres «destacadas pero invisibles nunha sociedade acaparada pola atención masculina», di. Os seus protagonistas son a actriz Belén Constenla, a mezzosoprano Andrea Búa, a xornalista Cristina García, e as archi premiadas deportistas Tania Álvarez e Teresa Portela. Embaixadoras é, ademais, unha peza crave dentro da traxectoria do artista meco, non só polo seu significado, senón porque el mesmo a cataloga como «unha das cinco máis importantes que teño feito nos últimos tempos».

O pintor contactara hai xa varios meses con algúns membros do Parlamento, interesados nesta obra en cuestión e na súa traxectoria;: «Así que fíxenlles unha proposta de cesión, con posibilidade de compra», explica. Así foi como descubriu que o presidente da cámara, Miguel Ángel Santalices, coñecía con anterioridade a pintura. Houbo unas cantas reunións para marcar o calendario do proceso a seguir para que Embaixadoras formase parte de tan importante colección. «Date conta de que está baixo a tutela da Real Academia de Belas Artes, o que fai que teña máis interese, porque é un repertorio de moita calidade», subliña Bicada. Esta semana conseguiron pechar a primeira parte dese procedemento administrativo, que conclúe co óleo no Hórreo á espera de que ocupe o seu lugar nas solemnes paredes.

A colección máis importante

A peza aterraba o mércores no Pazo do Hórreo da man do pintor grovense, ben embalada para que non sufrise ningún contratempo no traxecto, para formar parte da colección de arte pública máis importante da xeografía galega. Unha incorporación que, con toda seguridade, suporá un punto de inflexión na carreira artística de Bicada, porque o cadro estará exposto ao lado de obras de Colmeiro, Francisco Leiro, Díaz Pardo, Quintana Martelo, Bareiro, Laxeiro, Mercedes Ruibal, Seoane ou o propio Castelao.

A colección reúne fotografía, escultura e pintura das máis importantes figuras da arte galego contemporáneo, e outorga, está claro, un certo nivel: «É un orgullo, pois estará ademais no órgano de máxima representación democrática que temos no país», sinala Bicada, quen engade que «reflicte as mulleres traballadoras, loitadoras… tiña que estar aí», confesa emocionado.

Tras iso, Carlos Álvarez Bicada e a súa galería comezan un novo ciclo, porque tras dez anos de traxectoria profesional «a miña obra está sendo recoñecida», afirma. Chegar ao Parlamento de Galicia é, segundo confesa: «Un impulso tremendo porque supón un salto cualitativo na miña carreira, así que estou contentísimo». O ter participado nas cátedras e talleres de arte co madrileño Antonio López xa supuxera un punto e a parte no seu traballo, á hora de pensar e executar as obras. E todas esas decisións, vitais a nivel artístico comezan a dar os seus froitos.