Luis Aragunde prepara a súa retirada

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

O portavoz do PP de Cambados suxire que non volverá ser o candidato á alcaldía

25 may 2022 . Actualizado ás 21:37 h.

«Eu xa estou de retirada, anuncioo aos catro ventos». Son palabras do portavoz do PP de Cambados, Luis Aragunde, pronunciadas no pleno celebrado onte á noite. É un segredo a voces que Aragunde non ten intención de repetir como candidato á alcaldía nas eleccións do próximo ano, pero a súa declaración non deixa de sorprender porque é a primeira vez que se pronuncia nestes termos publicamente e porque, preguntado por este diario sobre se a decisión é xa definitiva, o concelleiro popular prefire manter a incógnita. «Aínda non se decidiu nada».

O partido ten os seus tempos, pero a un ano vista das eleccións, no PP terán que empezar a mover ficha se o que se está expondo é cambiar a cara do cartel electoral. A gran incógnita é quen tomará a vez de Aragunde. Seguirá o PP de Cambados a tradición dunha transición tranquila e pasará a testemuña ao segundo do primeiro espada, como lle ocorreu ao propio Aragunde en 2009 cando substituíu a José Manuel Cores Tourís na alcaldía, ou optarán por outra vía? No primeiro caso corresponderíalle subir o banzo -e, xa que logo, ser a candidata- a  SabelaFole, pero esa teoría non pasa, por agora, da mera especulación. Como tampouco hai nada seguro respecto de se Aragunde rematará ou non o mandato como portavoz do principal grupo da oposición.

Tras a marcha do nacionalista Víctor Caamaño, o popular converteuse no decano da corporación municipal, da que leva formando parte desde o ano 2007. Dous anos despois convertíase en alcalde no medio do mandato e xa no 2011 presentouse ás eleccións conseguindo unha folgada maioría.

A pesar de que o PP seguiu sendo o partido máis votado en Cambados, en 2015, un pacto a catro entre PSOE, BNG, Somos e Pode, desbancouno da alcaldía, ata a data. O PP afronta as próximas eleccións co reto de recuperar a maioría absoluta pois, doutro xeito, a alianza da esquerda impediríalle de novo gobernar, a expensas do que vaia a ocorrer con José Ramón Abal, que aínda non aclara as súas intencións baixo as siglas de Cambados Pode ante a cita electoral de maio do 2023.

Ningún grupo puxo aínda as súas cartas boca arriba a este respecto. Salvo sorpresa maiúscula, Samuel Lago será o candidato do PSOE despois de ter recollido fai tan só uns meses o bastón de mando de mans de Fátima Abal; no BNG todo apunta a que Liso González será o cabeza de cartel, a expensas da decisión da asemblea e o consello local; en Somos Cambados manteñen a incógnita respecto de se Tino Cordal será o seu candidato por terceira vez.