O vilagarcián Martín Rey ficha polo mellor equipo elite e Sub 23 do ciclismo español

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Tras pechar a súa etapa xuvenil e declinar unha oferta do filial do Caixa Rural, busca no Vigo-Rías Baixas un trampolín ao pelotón profesional

19 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«O júnior galego que mellores resultados conseguiu a nivel estatal en 2021 correrá a próxima campaña no Vigo-Rías Baixas». Desta forma arrincaba esta semana o comunicado de prensa co que o club olívico anunciaba o desembarco nas súas filas de Martín Rey Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 11-III-2003). Unha ligazón que une á neste momento maior promesa do ciclismo arousán coa que foi a mellor escuadra do ránking elite e Sub 23 de España no 2021.

Martín Rey acaba de pechar o seu último ano de etapa xuvenil rubricando unha brillante folla de servizos no Emico-Erbi Bembibre de León. Un equipo ao que chegou tras correr os tres anos anteriores co Aluminios Cortizo (Club Ciclista Padronés) e con cuxa elástica se alzou cunha vitoria de etapa no Circuíto Cántabro e a Volta a Talavera, nesta última con terceiro posto no podio da clasificación xeral final; sobresaíndo así mesmo na última Volta Internacional ao Besaya, unha das carreiras máis prestixiosas do calendario júnior español, na que asinou o segundo posto nunha etapa e acabou como sexto mellor ciclista español na xeral.

«Os resultados saíron ben este ano, aínda que foi unha tempada que me tomou para aprender; correndo, salvo un par de carreiras, fóra de Galicia», comentaba onte o vilagarcián á hora de facer balance do seu gran 2021. Recollendo grandes froitos aínda nalgún tramo do curso no que «notei a fatiga de correr tantas probas, mantendo unha boa regularidade» no seu rendemento, apunta.

A relación de Martín Rey co ciclismo comezou relativamente tarde para estes tempos nos que a engrenaxe do deporte basee tende a canalizar dun xeito cada vez máis precoz o camiño formativo dos nenos. Cuns 12 anos, o vilagarcián seguiu os pasos do seu veciño e amigo Iván Bralo, dous anos maior que el, enrolándose no C.C.Teo , club da localidade de parte da familia deste último. Tras un par de tempadas, Rey cambiouse ao Club Ciclista Padronés, onde empezou a despuntar. No 2019, no seu último curso antes de fichar polo Emico-Erbi Bembibre, colgándose a prata no Campionato Galego de Contrarreloxo Individual e entrando na meta da carreira en ruta do Campionato de Aragón agarrado da man do tamén vilagarcián e entón compañeiro de equipo Ismael Rodríguez tras protagonizar unha épica e triunfal escapada xuntos.

A cuestión é que o Emico-Erbi Bembibre carece de equipo elite e Sub 23, polo que a Martín Rey tocáballe, si ou si, buscar novo destino. no que será o cuarto club do seu aínda nova carreira ciclista. E, confésao, tras o seu excelente palmarés no 2021 «tiña varias ofertas».

Por que Vigo?

Así as cousas, por que se decantou pola proposta do Vigo-Rías Baixas? Pois principalmente, explica Martín Rey , por poder aprender do ex corredor profesional pontevedrés Marcos Serrano, director deportivo do equipo olívico: «No 2022 tócame un cambio de categoría importante, da júnior á Sub 23. Levaba anos falando con Marcos Serrano, teño unha gran confianza con el, se como traballa e ten detalles á hora de levar o equipo que nolos ten calquera. Sabe moito a nivel táctico e no meu primeiro ano como Sub 23 agardo aprender moito de el».

Aprender é a palabra crave no último xiro e ascensión tomado ata agora pola maior promesa do ciclismo vilagarcián. Na mesma liña que o levou un ano atrás a cambiar o Aluminios Cortizo polo Emico-Erbi Bembibre, Martín Rey fichou pola escuadra de Marcos Serrano «coa idea de seguir subindo». E é que o ten moi claro: «Teño moitísimas ganas de dedicarme ao ciclismo e vou pór todo o que teña a man para chegar arriba». Un arriba sinónimo de carreira profesional. Seguindo o ronsel da que acaba de concluír o seu paisano Gustavo César Veloso tras 21 anos no gran pelotón; ou a que prosegue no Tavfer-Measindot-Mortágua continental portugués o cambadés Anxo Sánchez Rebollido, preto xa de encadear unha década como ciclista profesional.

Marcos Serrano: «Para nós é todo un luxo telo»

O novo director deportivo de Martín Rey e, en última instancia, o factor diferencial da decisión do vilagarcián de decantarse polo Vigo-Rías Baixas resaltaba esta semana a importancia que a súa fichaxe ten para o equipo olívico: «Para o Vigo-Rías Baixas é todo un luxo e unha prioridade que uno dos júniores con máis proxección de Galicia teña querido correr connosco».

Marcos Serrano valorou do seu novo corredor, a segunda fichaxe do club vigués para a tempada 2022 tras o do luso Joao Leite, que no 2021 «deu un salto de calidade e mesmo obtivo resultados en momentos nos que non estaba no seu mellor momento de forma».

Rexeitou unha oferta do filial do Caixa Rural polos estudos

Entre as varias ofertas que Martín Rey Vázquez manexou amais da súa mesa para correr no seu primeiro ano Sub 23 atopábase a do filial dun dos contados equipos profesionais españois, o Caixa Rural. Á marxe do elemento diferencial que a presenza de Marcos Serrano dáballe á proposta do Vigo-Rías Baixas, o mozo ciclista vilagarcián destaca a importancia que para el tiña neste momento poder continuar avanzando na súa progresión deportiva preto de casa.

E é que tras concluír o Bacharelato, matriculouse no Ciclo Superior de Acondicionamento Físico no I.E.S. Miguel Ángel González de Carril. Unha rama de FP destinada principalmente, explica, a preparar aos seus futuros titulados como adestradores persoais, profesión en boga. Porque aínda que o ciclismo é a súa paixón e dedicarlle a súa mocidade o seu soño, Martín Rey é dos que son plenamente conscientes de que ata a maior carreira deportiva é curta en toda unha vida.