A afiliación á Seguridade Social xa supera o seu rexistro prepandemia no sur de Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O conxunto do Salnés súmase a un Baixo Ulla que levaba meses ofrecendo un dato superior. Réxime xeral e autónomos tiran do mercado laboral

24 novs 2021 . Actualizado ás 21:20 h.

O mes de outubro pechou no conxunto dos once municipios do Salnés e Baixo Ulla cun descenso de 250 afiliados á Seguridade Social, pasando dos 33.036 rexistrados o último día de setembro a 32.786. Sendo leste un dato negativo, a perspectiva do tempo e as dinámicas do mercado laboral arousán guindan unha lectura diametralmente oposta cando na análise se empregan as luces longas. E é que a comparativa coa estatística de outubro do 2019 desvela que o sur da ría contou o mes pasado con máis traballadores cotizando ao sistema público que hai xusto dous anos, cando a economía voaba aínda libre dos lastres da pandemia e en España estirábase o ciclo de crecemento iniciado no 2013 desde o subsolo aberto pola crise do ladrillo do 2008.

Concretamente, falamos de 193 afiliados máis á Seguridade Social respecto dos 32.593 computados en outubro do 2019. Un incremento do 0,59 % que, sendo modesto, sitúa ao conxunto das dúas comarcas do sur de Arousa en liña coa tendencia global do mercado laboral español. Certo é, tamén como neste último, a falta dunha uniformidade en todas as súas partes.

Así, son seis dos once municipios da zona os que tinguen de negro o balance global de afiliados á Seguridade Social desta última, cun sétimo raiando a súa saída dos números vermellos.

O comportamento é especialmente positivo no Baixo Ulla, onde grazas á evolución de Catoira e Pontecesures leva meses computando máis cotizantes que antes da pandemia. En outubro, Catoira sumaba 653 afiliados, isto é, 76 máis que dous anos antes, cando tiña 577, un crecemento do 13,17 %. Pontecesures pasou de 799 a 850 na mesma comparativa, un 6,38 %, mentres Valga segue sen recuperar a cota dos 2.050 de outubro do 2019, contando 2.014 no último balance. No global do Baixo Ulla son 91 cotizantes máis, para un total de 3.517 (+2,66 %).

No Salnés, só a metade dos seus concellos poden presumir aínda de mellores datos que no último mesmo mes prepandemia: Meis, con 95 afiliados máis (1.588, +6,36 %), Cambados, con 109 (4.962, +2,25 %), O Grove, con 37 (3.870, +0,96 %) e Vilagarcía de Arousa, con 100 (10.927, +0,92 %).

Con Vilanova de Arousa con só 7 cotizantes menos (3.071, -0,23 %), os que aínda teñen máis camiño por percorrer son A Illa de Arousa, 37 afiliados en outubro por baixo do mesmo mes do 2019 (1.483, -2,43 %), e sobre todo Ribadumia, con 91 menos (1.709, -5,05 %) e Meaño, con 104 (1.659, -5,9 %). Os oito municipios do Salnés contaban o mes pasado con 29.269 traballadores en alta na Seguridade Social, 102 máis que en 2019 (+0,35 %).

Réxime xeral e autónomos tiran do mercado laboral en espera do mar e o fogar

Se a evolución dos datos do mercado laboral do sur da ría vai por parroquias a nivel territorial, o mesmo sucede cando pomos a lupa no comportamento dos cinco réximes de cotización á Seguridade Social. 

Así, o balance conxunto positivo dos once municipios susténtase sobre o réxime xeral, polo que cotiza a inmensa maioría dos traballadores por conta allea, e o de autónomos. Respecto ao primeiro, son 229 asalariados máis no rexistro da Seguridade Social na zona o mes pasado que en outubro do 2019: 20.948 (18.197 nos concellos do Salnés e 2.751 nos do Baixo Ulla) fronte a 20.719 (18.060 e 2.659); isto é, un 1,1 % máis.

No capítulo dos autónomos, son 163 cotizantes máis, cun total de 7.704 polos 7.541 de dous anos atrás (+2,16 %). Unha variación concentrada nos oito municipios do Salnés, nos que os traballadores por conta propia eran a 31 de outubro deste ano 7.000 cando o seu número era de 6.839 vinte e catro meses atrás. Catoira, Valga e Pontecesures apenas sumaron dous, ata os 704.

Cos afiliados polo réxime agrario practicamente na mesma cifra, frisando o centenar, dous son os segmentos que continúan por baixo das cifras prepandemia. O do fogar, con 475 asalariados, polos 503 de hai dous anos (-5,57 %). E o réxime do mar, con 3.560 afiliados, aínda 72 menos que en outubro do 2019, cando o colectivo sumaba 3.732; unha caída conxunta do 4,61 %, moito máis acusada en Vilagarcía, con 49 traballadores e un 9,14 % por baixo de hai dous anos (hoxe 487) e A Illa, concello que vive primordialmente do mar, con 928 cotizantes o mes pasado fronte a 1.001 do 2019 (-7,29 %).