A prensa lusa sitúa a Veloso de director deportivo do Mortágua

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Un novo cargo no que, segundo a publicación, será anunciado oficialmente dentro de dúas semanas

30 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Gustavo César Veloso tivo sempre claro que, unha vez colgara a bicicleta, a súa prioridade sería tentar seguir facendo do ciclismo profesional a súa forma de vida. O xoves, o xornal deportivo portugués O Jogo situaba o ciclista vilagarcián coma novo director deportivo do Tavfer-Measindot-Mortágua a vindeira tempada. Un novo cargo no que, segundo a publicación, será anunciado oficialmente dentro de dúas semanas.

Preguntado pola cuestión, Gustavo César Veloso non confirmou a noticia, limitándose a sinalar que ante o inminente punto final á súa carreira coma corredor -o de Bamio rodará a súa última proba o 27 de novembro, en Madrid- recibiu un par de propostas para encabezar outras tantas direccións deportivas no pelotón profesional portugués. «Pero inda non hai nada pechado», declarou.

De confirmarse a información publicada polo xornal luso, Gustavo César Veloso abriría a súa nova etapa no ciclismo profesional á fronte dun dos equipos continentais máis recentes do país veciño. Unha escadra que cobrou moita presenza neste 2021 animando moitas das carreiras lusas, incluída a Volta a Portugal. E un conxunto no que o vilagarcián pasaría a dirixir, de renovar o seu contrato, o cambadés Ángel Sánchez, corredor do Tavfer-Measindot-Mortágua os dous últimos anos e compañeiro durante cinco tempadas de Veloso no F.C. Porto.