Veloso: «Ver os rivais aplaudirte ao entrar en meta, que te gañaches o seu respecto, é moi bonito»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O arousán relata os días nos que foi o ídolo de toda Portugal

20 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Gustavo César Veloso regresou o luns a casa, en Vilagarcía de Arousa, meténdolle ao seu maltreito corpo seis horas de coche no regreso da súa derradeira participación como ciclista profesional na Volta a Portugal. Unha última cabalgada tan accidentada coma emotiva, na que o corredor de Bamio sentiu o calor e o respecto de todos os estamentos do ciclismo luso. Pendente de disputar, do 30 de agosto ao 5 de setembro, a súa última rolda, o Jornal de Noticias, e mais algún criterium, Veloso recorda a que xa é a súa última Grandíssima mentres se recupera das abrasións no lombo e no cóbado esquerdo. Os sinais inda visibles daquela caída na saída neutralizada da cuarta etapa, que deu ao traste coas súas aspiracións de retirarse con tres xerais gañadas na Volta a Portugal menos de 24 horas despois da demostración de forza e de intelixencia en Torre que deu co seu amigo e compañeiro no Atum Tavira Álex Marque no liderado e el segundo a algo máis dun minuto.

«Isto forma tamén parte do ciclismo. Hai cousas que non están nas nosas mans», di Gustavo ao recordarlle como dous anos atrás outra caída, daquela por unha mancha de aceite nunha rotonda nos tres derradeiros quilómetros dunha etapa de transición, acabou relegándoo do triunfo ante a inmisericordia do seu daquela director no W52.

Consciente desde o día seguinte, a xornada de descanso, de que «quedara debilitado e non tiña forza para facer cambios de ritmo, decidín traballar para Álex e para o equipo» e, di, «ao final creo que fixemos unha Volta moi bonita».

Bonita é a palabra que etiqueta o recordo atesourado por Veloso da súa derradeira Grandíssima. Quizais a máis modesta a nivel de resultados, pero a máis grande en premios. Os que o vilagarcián comezou recibir ao final da cuarta etapa, a da súa fatídica caída, cando «ao entrar en meta me atopei con que os propios rivais me aplaudían. Cando pasa algo así é que te gañaches o seu respecto. É moi bonito».

Aí arrincou unha bola que non deixou de medrar ata envolver o de Bamio e acompañalo case en cada pedalada que marcaba a conta atrás para o seu adeus á Volta. «En cada final en alto atopábame a todos os afeccionados animándome, independentemente do seu club. Inda o penso e se me pon a pel de galiña», confesa: «Nunca pensei que na miña derradeira Volta fose correr sentindo todo ese aprezo e respecto da afección, dos compañeiros, dos rivais».

Ata da organización, que no inicio da última etapa en liña pediu o permiso de Veloso para que o coche do comisario o sobrepasase e os seus motoristas lle dedicaran nas súas pizarras un «Moito obrigado!» entre aplausos do pelotón.

O afecto «cada día era máis intenso», lembra, ata chegar ao cumio nos 8 quilómetros da ascensión á Señora da Graça, descolgado da cabeza da carreira, dando marcha atrás para abrazar a súa familia ao recoñecela na cuneta envolta na bandeira de Galicia. «Se estivera pelexando pola xeral seguramente moito disto me pasaría desapercibido», sinala o arousán. Non houbo terceiro triunfo, pero Gus retirouse coma campión.