Gustavo César Veloso: «Fixen o que me gustaría que fixeran por min. Isto é o que significa o traballo de equipo»

AROUSA

Clube de Ciclismo de Tavira e Atum Xeneral / Tavira / Maria Nova Hotel.

O arousán dixo adeus ás súas opcións de despedirse gañando a Volta tras caer e baleirarse para soster o liderado do seu amigo Marque

10 ago 2021 . Actualizado ás 22:56 h.

A Volta a Portugal viviu onte a súa xornada de descanso. E se alguén necesitaba ese parón no pelotón, ese era Gustavo César Veloso. O vilagarcián sufriu o día anterior coma poucas veces na súa carreira. Unha caída á que inda onte lle buscaba explicación na saída neutralizada deixouno maltreito. Lonxe de protexerse, o de Bamio deu todo o que tiña para tirar do pelotón e manter á fronte da clasificación xeral o seu compañeiro do Atum General/Tavira e amigo estradense, Álex Marque. Tirando do pelotón durante boa parte da caza ante as sucesivas acometidas desde o quilómetro 30 dos dous grandes equipos lusos, o W52 e o Efapel, que deixou sen un minuto de respiro a Veloso e a Marque, primeiro e segundo da xeral tras o triunfo deste último en Torre o sábado Unha persecución que se endureceu por unha avaría mecánica de Marque a uns 40 quilómetros da meta, coa carreira xa lanzada.

O esforzo de Gustavo César permitiulle a Marque salvar o amarelo por 5 segundos fronte a Amaro Antunes (W52), gañador da pasada edición da Volta a Portugal, e por 25 ante Frederico Figueiredo (Efapel), vencedor da etapa de 181,6 quilómetros do domingo, entre Belmonte e Guarda. Veloso, pola contra, deixouse as súas opcións de pechar a súa carreira cun terceiro triunfo na Grandíssima, a 7.41 de Marque.

«Pasaba para adiante polo lado dereito, houbo un bandazo e de repente vinme no chan. Foi unha cousa moi rara», contaba onte Veloso, que sufriu un golpe seco. «Teño todo o lombo mazado e tocados o cóbado e o cuádriceps esquerdos. A perna é a que me está dando máis a lata», explica mentres fai algo de rodillo a media tarde, logo de renunciar a saír á estrada pola mañá cos seus compañeiros e en medio dun tratamento de baños de xeo, fisioterapia e antiinflamatorios.

O chamado a ser xefe de filas do Tavira na Volta lamenta o contraste entre o día de Torre e o acontecido o domingo: «Cheguei á Volta ben de forma. Marque e mais eu fixemos en Torre un día espectacular. E logo chegou a cruz».

Por que, tan tocado como estaba, Veloso se exprimíu da forma en que o fixo o domingo? «Ao final era o que había que facer», sinala: «Había que tomar unha decisión. A ritmo sostido podía ir, pero sabía que cando chegara arriba, ao final, non tería capacidade para facer o cambio. Non o dubidei e fixen o que me gustaría que fixeran por min. Isto é o que significa o traballo de equipo». Porque, defende o dúas veces campión da Grandíssima: «Cando un está disposto a sacrificar a súa clasificación polo equipo é cando as cousas saen mellor». Unha forma de ver o ciclismo que contrasta coa do ex director de Gustavo César no W52, cando, sen ir máis lonxe, o ano pasado, optou por mandar os seus propios compañeiros forzar a máquina o día seguinte á caída por unha mancha de aceite nunha rotonda próxima a unha chegada dun Veloso líder provisional.

O arousán é consciente de que as súas opcións de subirse ao podio final son xa practicamente nulas. Así as cousas, a súa prioridade é «tratar de defender as opcións de Marque». E salienta a actuación do Tavira ata onte: «En Torre conseguimos unha vitoria moi importante e difícil e por primeira vez en moitos anos o Porto (W52) non chega ao día de descanso cun dos seus corredores líder e coa xeral decidida. Estamos poñéndolle un pouquiño de picante á Volta, e creo que os afeccionados nolo están a recoñecer».

Pouca marxe para recuperar o corpo

O pelotón regresa hoxe á estrada, cunha etapa de 171,3 quilómetros entre Águeda e Santo Tirso e final nun porto de segunda categoría tras 7 quilómetros de ascensión precedidos de tres altos de cuarta. As etapas de Viana do Castelo-Fafe (182,4 quilómetros) e de Felgueiras-Bragança (193,2 qms.), darán paso aos dous decisivos finais en alto de primeira categoría. O da Serra do Larouco, o venres con ascensión de 9,5 quilómetros, e o de Señora da Graça, o sábado con 8,4. A tradicional contrarreloxio curta, de 20,3 qms. en Viseu, pechará o domingo a Volta a Portugal.