Veloso inicia na Clássica da Arrabida un intenso mes de maio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O vilagarcián correrá un de cada tres días en cinco probas

01 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O 11 de abril Gustavo César Veloso competía por primeira vez desde que o 5 de outubro do ano pasado gañara en Lisboa a contrarreloxo final da Volta a Portugal 2020, rematando segundo na clasificación xeral da Grandíssima. Os 173,1 quilómetros da Prova de Abertura, en Aveiro, servíronlle ao vilagarcián para reencontrarse co pelotón máis de medio ano despois, pero será no mes que hoxe comeza no que o novo home forte do Atum General/Tavira/Maria Nova Hotel comece a acumular quilometraxe de cara ao asalto á Volta a Portugal, que pretende gañar por terceira vez a modo de colofón dourado a 21 anos de carreira profesional con punto final ao termo desta tempada.

Mañá domingo César Veloso disputará a Clássica da Arrabida, con saída en Setúbal, na contorna de Lisboa, e final en Palmela tras 181,2 quilómetros e cinco portos de terceira. Será o primeiro dos once días de competición do arousán en maio, coa 47ª.Volta ao Algarve, entre os días 5 e 9, como cita principal, con participación de varios dos equipos ProTour máis potentes ademais de escadras continentais profesionais. O Grande Prémio O Jogo, do 13 ao 15, completará a apertada axenda de Veloso na primeira quincena, pechando o mes no Memorial Bruno Neves, o día 29, e na Volta á Albergaria, o día 30.

Gustavo César sinalaba onte que «vou a estas carreiras coa idea de continuar collendo ritmo, de axudar aos demais compañeiros que están en mellor forma cá min e ir facendo grupo» nun equipo, o Atum General/Tavira/Maria Nova Hotel, que apostou polo arousán para tentar desbancar o W52-F.C. Porto do alto do podio da Volta a Portugal tras oito anos de tiranía. Os tres primeiros, co estradense Álex Marque e con Veloso coma gañadores da xeral. Os dous, grandes amigos dentro e fóra das estradas, volven coincidir nove tempadas despois no mesmo equipo coa motivación de facer soar por última vez a campá da gloria.