O Atlético Arousá xógase media permanencia na súa visita ao Xixón B

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Pode pechar a primeira volta da fase a 3 puntos do seu rival

01 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O corpo técnico e as 17 xogadoras do Atlético Arousá partían a media tarde de onte cara a Asturias para encarar na tarde de hoxe un partido vital nas súas aspiracións de continuar a próxima tempada na Primeira Nacional cando esta pase de terceira a cuarta categoría do fútbol feminino español. Nas instalacións de Mareo (17.30 horas), o equipo que dirixe Nando González visita ao Sporting Xixón B, actual inquilino dunha sexta praza que aínda que non asegura a salvación como as cinco primeiras da liga de permanencia, tampouco condena directamente a Autonómica como as cinco últimas do Grupo 1D, o que integran os conxuntos galegos, asturianos e cántabros da categoría.

Ese sexto posto do filial xixonés queda a expensas de coñecer se algún equipo das mencionadas tres comunidades autónomas descende ao termo da tempada desde a Liga Reto Iberdrola, a división de prata do balompé feminino español. Sendo que o Sporting Xixón B conta con 22 puntos e que o Atlético Arousá, oitavo, dispón de 16, un triunfo vilagarcián na tarde de hoxe colocaría a tiro dunha vitoria o sexto posto para as de Nando González.

Os 3 puntos en xogo teñen ademais o engadido do seu enorme impacto psicolóxico, tendo en conta que esta fin# de semana se pecha a primeira metade da fase.

«É unha oportunidade grandísima para dar un paso enorme. Se gañamos cambiaría o panorama radicalmente», recoñecía na véspera o técnico do Arousá. Con todos os seus efectivos dispoñibles, Nando González destaca a capacidade do seu rival para xogar tanto con fútbol combinativo como para facelo cun marcadamente vertical.