O momento no que a xente creu que o gordo caera no número do club Mecos

La Voz

AROUSA

Martina Miser

O soño durou só uns minutos, pero durante un instante a fortuna brillou con intensidade de supernova sobre O Grove

23 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O soño durou só uns minutos, pero durante un instante a fortuna brillou con intensidade de supernova sobre O Grove. María, do bar de Rons, é unha das afortunadas que posúe un décimo do 72897, agraciado co gordo de Nadal e catrocentos mil euros. A sede do club de remo Mecos está alí ao lado, xunto á factoría de Thenaisie-Provoté. Por un momento alguén pensou que o boleto fora adquirido á entidade deportiva, e que se correspondía co número que esta distribuíra en numerosas participacións. Aquilo tería desencadeado unha verdadeira choiva de millóns, que probablemente empapase tamén ás traballadoras da conserveira, que loitan pola supervivencia da actividade e dos seus postos de traballo. Foi só unha fermosa confusión, que A Centola Dourada de Moreno aclarou de inmediato.

«Nós vendémoslle ao club Mecos o número, e tranquilamente poden comprar uns mil décimos; foi unha mágoa, porque estariamos falando de centos de millóns de euros moi distribuídos en todo O Grove», explica Manuel Rodríguez. Que lle imos facer, a solitaria serie do 72897 foi un episodio illado. De feito, o número que os loteiros xogan, o que concentran e consideran da casa, é outro, o 30024. «É ou que nos gustaría que tocase, pero a fortuna é así».

O alcalde meco, José Cacabelos, coñecedor daquel equívoco inicial, estaba, de todos os xeitos, satisfeito. «Imaxina que o repartise o club Mecos, tería chegado a moitísima xente no Grove; pero que toque un premio desta categoría sempre é unha alegría», sinalou o rexedor, dando o seu parabén aos agraciados.