Veloso apura as súas opcións de vitoria na contrarreloxo que pecha a proba

Antonio Garrido Viñas
Antonio Garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O vilagarcián debe remontar 1 min e trece segundos en 17 quilómetros

05 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Escapáronse Antonio Carvalho e Luis Fernandes subindo o porto de segunda categoría que, a modo de trampa, sempre se atopan os ciclistas na etapa da Volta a Portugal que conclúe en Setúbal. Un porto tendido, pero con algún repecho interesante e, sobre todo, que enganchaba a súa baixada xa coa liña de meta. Escaparan Carvalho e Fernandes, diciamos, e houbo un momento no que tamén o fixo Álex Marque. Joao Rodrigues parecía máis xusto que outros días e, entón, o de Bamio colleu o mando.

Pegou un par de berros e púxose a un tirar como un descosido no tramo final do percorrido. Os vinte segundos que levaban os escapados se esfumaron nos catro últimos quilómetros, pero aínda puido cruzar Antonio Carvalho (Efapel) na primeira posición a liña de meta.

Máis aló do triunfo final, que foi para un dos escapados, o visto nos últimos quilómetros pareceu un exercicio de mando de Veloso sobre o pelotón -as diferenzas eran pequenas pero corrían o risco de incrementarse se ninguén asumía a situación- e, sobre todo, unha exhibición do estado de forma do vilagarcián. Puxo en fila da un a todos os favoritos, algúns dos cales tiveron problemas para seguirlle o ritmo. Todo un aviso de cara á contrarreloxo de hoxe, que será a que decida o vencedor da Volta a Portugal. Gustavo César parte con 1 minuto e trece segundos con respecto ao seu compañeiro de equipo, Amaro Antunes, que é o primeiro clasificado, e un minuto xusto por detrás de Frederico Figueiredo. Visto o visto, todo está no aire, pero o aviso que mandou onte o arousán seguro que preocupou a máis dun.