Veloso, ante a grande oportunidade de recuperar o amarelo na Volta

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida polo W52-F.C. Porto

A rolda lusa vive hoxe a súa etapa raíña, co ascenso a Torre

01 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Volta a Portugal vivíu onte a agardada xornada de transición cara á etapa raíña de hoxe. A habitual xornada de transición na rolda lusa. Cos candidatos ao triunfo na xeral fóra da pelexa pola vitoria do día, pero sen un minuto de paz. Con continuos movementos desde practicamente a saída e vitoria do vasco do Caja Rural Oier Lazcano coa marxe xusta para non ser engulido, como os seus cinco compañeiros de partida na fuxida do día, por un pelotón ao que lle comezaron a ruxir as tripas coa fame de esprint un chisco tarde. Quince segundos para ser precisos, a terra de por medio entre Lazcano e o groso dos grandes nomes en tropel na meta de Viseu ao termo dos 171,9 quilómetros que arrincaran ao mediodía en Felgueiras.

Xa sen ninguén máis ca Lazcano por diante, tres dos cinco galegos participaron nas escaramuzas que se sucederon nos quince últimos quilómetros. Primeiro o ourensán Carlos Canal (Burgos BH), que demarrou con outros tres homes, a 10 de meta o moañés Delio Fernández co velocista do seu equipo, o Delko Provence, Finetto; e cos anteriores por diante a 8 quilómetros Veloso, que onte portaba a camisola vermella do líder da combatividade, arrastrando a Brandão, Freitas e De Mateos. Intentos baldíos. A 19.55, no último grupo, chegou o cambadés Ángel Sánchez.

Hoxe Veloso, coma o resto dos favoritos, xógase boa parte das súas opcións de vitoria na xeral. Nos 148 quilómetros da etapa raíña entre Guarda e Covilhã. Máis concretamente, nos 20,2 quilómetros finais ao único porto especial da Volta, Torre, e os seus 1.296 metros de desnivel acumulado.