O cuarto posto en Torres Vedras, carta de presentación de Veloso para a Volta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida polo W52-F.C. Porto

A unha semana do inicio da gran rolda lusa, o vilagarcián confirma as boas sensacións que transmitira un mes atrás nos Campionatos de España

22 sep 2020 . Actualizado ás 21:36 h.

Cuarto na segunda e derradeira etapa e cuarto na clasificación final do 43º. Gran Premio Internacional de Torres Vedras-Trofeo Joaquim Agostinho. Gustavo César Veloso concluíu o último test que cada ano precede a Volta a Portugal deixando motivos para o optimismo a tan só sete días do inicio da rolda lusa. Un último test reducido á metade respecto ao seu formato habitual nos últimos anos, desprazado dous meses no calendario por un positivo por covid-19 dun integrante da súa organización, unha das razóns de peso que adiaron a propia Volta a Portugal.

«Aí andivemos na pelexa», comentaba onte o corredor de Bamio. O sábado, na primeira etapa, 145,6 quilómetros con saída e con chegada a Torres Vedras, entrando no grupo cabeceiro do que saíu o gañador ao esprint, o ciclista do Efapel Luís Mendoça. O domingo, entre os mellores no duro ascenso ao parque eólico da Carvoeira, meta dunha etapa con saída en Turcifal e 145,2 quilómetros de trazado, que atravesou a só 15 segundos do gañador do día e da xeral, Frederico Figueiredo, do Tavira. Veloso concluíu o díptico luso como cuarto mellor da xeral, a 25 segundos de Figueiredo, a 20 de Luis Gomes (Oliveirense) e a 17 de Mendoça.

«Ao principio as sensacións eran raras, logo de tanto tempo sen correr. Pero ao final estaba adiante, que é o que importa. Acabei tendo boas sensacións e con iso é co que hai que quedarse», declara o vilagarcián do W52-F.C. Porto. Un equipo que competíu cos sete homes cos que tentará encadear a súa oitava vitoria na xeral individual da Volta a Portugal a partir deste domingo, e que completan Amaro Antunes, João Rodrigues, Daniel Mestre, Ricardo Mestre, Rui Vinhas e Samuel Caldeira. Os dous primeiros, fóra da loita polo triunfo no G.P.I. de Torres Vedras involucrados nunha caída a 9 quilómetros da chegada ao parque eólico da Carvoeira.

Veloso, que se presentaba á cita da pasada fin de semana con tan só cinco días de competición nas pernas neste estraño ano de pandemia, engadíu novos motivos para o optimismo de cara á Volta a Portugal aos décimos postos que un mes atrás colleitaba nas probas de contrarreloxio e en liña dos Campionatos de España, en Jaén. Aos seus 40 anos, o arousán tira de veteranía para contextualizar as súas actuacións: «É un ano atípico, no que pode pasar de todo. Ir día a día, é o que queda».

Concentración desde o mércores co equipo

Gustavo César Veloso concentraráse desde mañá mércores xunto co resto dos integrantes do W52-F.C. Porto que o domingo en Fafe iniciarán a Volta a Portugal. Unha rolda que arrincará cun prólogo en forma de contrarreloxio individual de 7 quilómetros na localidade do distrito de Braga, con sete etapas en liña e unha última contrarreloxio, o luns 5 de outubro en Lisboa, de 17,7 quilómetros.