Veloso, terceiro na primeira carreira post covid-19

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Joao Fonseca

«Foron sensacións un tanto raras tras tanto tempo sen correr», comenta o vilagarcián

07 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O vilagarcián Gustavo César Veloso rematou terceiro na Proba de Reapertura, nome elixido pola Federación Portuguesa de Ciclismo para a primeira das carreiras en chan luso desde o estalido da pandemia do covid-19. En Sangalhos, no municipio de Anadia, a uns 200 quilómetros ao norte de Lisboa, foron 91 os corredores que se deron cita nunha contrarreloxio individual de 22 quilómetros limitada a cinco ciclistas por equipo.

Rui Costa, do UAE Team Emirates, foi o vencedor cun tempo de 28 minutos e 10 segundos, seguido de Rafael Reis, do Feirense, que empregou só 3 segundos máis, con Veloso, do W52-F.C. Porto, completando o podio en 28.32.

«Foron sensacións un tanto raras tras tanto tempo sen correr. E máis sendo unha crono, tendo que exprimirte ao máximo», declaraba onte xa de volta en Vilagarcía o arousán. Por iso, «dentro do que cabe estou contento», di, «vese o traballo que estou facendo».

Gustavo salienta o rigor do protocolo hixiénico-sanitario: «todos entramos no recinto con máscaras logo de que nos tomaran a temperatura, con valados que nos separaban 3 metros do público, tamén con máscaras, e nós saíndo co pé no chan, sen que nos agarrara ninguén». O difícil, sinala o vilagarcián, é volver adestrar sen saber cando haberá outra carreira.