Estas camisetas tráenche a casa

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

En mercadillos como o de Vilagarcía, a firma Sapoconcho tira de retranca para vender curiosos deseños propios

21 jul 2019 . Actualizado ás 21:10 h.

Tiñan un posto de venda de roupa que viaxaba polos mercados de Galicia, ofrecendo pezas de cabaleiro. Pero chegou un momento no que Juan Solla pensou que chegara a hora de ampliar o catálogo de produtos que se ofrecían ao público. Como na súa contorna sobra o enxeño, decidiuse probar sorte creando unha liña de camisetas propia. Así naceu Sapoconcho, unha marca rexistrada que ofrece deseños orixinais, estampados «como sempre», e cargados de chiscadelas ao mundo galego. Á Galicia máis universal.

Pasaron cinco anos desde que Juan decidiu pór en marcha aquela aventura. O seu posto é facilmente recoñecible nos mercados que frecuenta, entre eles o de Vilagarcía. Porque, descolgándose por todas partes, as mensaxes das camisetas chaman a atención, invitan a pararse a botar unha ollada. E é que Sapoconcho mestura sen medo á máis universal das voces poéticas galegas, a de Rosalía de Castro, cunha guitarra eléctrica. E así foi alumada Rocksalía. E así naceu tamén o Imaxine, unha camiseta na que o rostro doutra das grandes figuras da política e a cultura galegas, Castelao, confúndese e se mistura co de John Lennon.

Estas orixinais homenaxes a Rosalía e a Castelao conviven, no extraordinario posto de Sapoconcho, cunha infinidade de lemas e temas diferentes. A maioría sabe a terra, a mar, a Galicia. «Gústanos a nosa cultura e queremos darlle protagonismo ao noso», di Juan Solla. Pero ademais de dialogar cos grandes persoeiros galegos, cos máis universais de entre nós, os deseños de Sapoconcho xogan coa irreverencia, coa fama efémera, ou non, de series televisivas do empurre de Fariña . «Lanzamos a nosa camiseta en canto saíu a serie. Intentamos aproveitar sempre o momento para intentar vender», di.

E venden, venden. Asegura Juan Solla que hai camisetas de Sapoconcho por medio mundo. Á xente faille graza tropezarse con eles nos mercados. E cómpranas tanta xente de aquí como turistas, que se van encantados co seu souvenir orixinal. «Sabemos que llas levaron para Canarias, e unha chea para Alemaña», conta Juan. A boa calidade das pezas -niso pon a xente de Sapoconcho o listón moi alto-, a gran variedade de tallas, -con algunhas extra grandes-, e a súa aposta por facer camisetas personalizadas abríronlles un mercado en grao sumo apetecible.

«Ademais, o feito de ser os produtores e comercializadores permítenos, tamén, pór prezos competitivos e xogar coas marxes», cóntannos no mercadillo de Vilagarcía. Entre dúas camisetas que destilan ironía. Ou, máis ben, retranca.

Rosalía e Castelao aparecen en varias composicións, en mesturas explosivas e refrescantes

Moitos emigrantes de visita levan os produtos da marca; é unha forma de achegarse