Con medo a que as sardiñas se mollen

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A previsión de choiva está augando as expectativas para San Xoán. Onte vendeuse menos pescado que outros anos e moitos se están pesando se acender a fogueira

23 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Podería chover ou non esta noite, pero a festa xa se augou un pouco. Na praia da Concha (Vilagarcía) non haberá sardiñada e en Porto Meloxo (O Grove) tampouco se acenderá a fogueira. Algunhas asociacións optaron suspender os actos programados para esta noite ante o temor de que caia un ballón e a infinidade de familias e grupos de amigos que fixeron provisión de madeira estes días estarán hoxe mirando ao ceo ata última hora.

O verán chegou con choiva e a mala sorte ha querido que sobre a noite máis longa do ano pese a sombra das nubes. As previsións meteorolóxicas indican que o tempo mellorará a partir do luns, pero xa será demasiado tarde para o San Xoán.

Este escenario non só podería apagar moitas fogueiras hoxe, tamén afectou as vendas nas prazas de abastos. Onte ao mediodía, todas as peixeiras consultadas no mercado de Vilagarcía coincidían á hora de sinalar que venderon menos sardiña que en anos anteriores. E iso a pesar de que o pescado rei en San Xoán está barato. Nos postos de Vilagarcía podíase atopar a 8, 10 e 12 euros o quilo, moi lonxe dos 20 euros que se chegaron a pagar o ano pasado polo peixe que máis brilla.

Este xuño está sendo un mes de abundancia de peixe e iso nótase nos prezos, aínda que non falta a vendedora que se queixa de que, para elas, na lonxa, a materia prima segue sendo cara.

Nas vésperas de San Xoán convén madrugar para facerse co menú tradicional, porque a demanda se dispara e a sardiña adoita esgotarse. Onte ao mediodía aínda era doado atopar xénero na praza de Vilagarcía, aínda que xa había algún posto que estaba rematando as existencias. A falta de sardiña sempre se pode botar man do xurelo, que tamén abundaba onte e préstase moi ben para ser cociñado á calor das brasas. E, se non, o churrasco hase convertido nunha alternativa moi zumenta pola que se decanta cada vez máis xente.

Nunha noite como esta, ao comer hai que sumar o beber. Co churrasco ou a sardiña benvido é un viño ou unha cervexa, pero a inxesta de alcol é moito máis xenerosa e variada esta noite. San Xoán é unha desas datas propicias para facer botellón, e, se o tempo o permite, non será difícil ver a grupos de mozos cargados con botellas de ron, xenebra e Coca Cola rumbo as fogueiras. O Terrón (Vilanova) é un dos epicentros aos que mira a mocidade. Alí non está permitido facer lume nas praias, pero si nas inmediacións, e a día de onte había varias festas organizadas.

O solsticio de verán é un momento propicio para a esmorga e para trasnoitar, aínda que non adoitan producirse problemas graves desde o punto de vista da seguridade e a orde pública. Polo si ou polo non, as policías locais e os servizos de urxencias estarán un pouco máis alerta, por se se descontrolase algún lume ou algún festeiro.

Na comarca acenderanse centos de fogueiras esta noite: 246 en Vilagarcía, 112 en Vilanova, 96 en Cambados , 74 en Valga , 72 no Grove e 60 na Illa. Os datos corresponden aos permisos que tramitaron os distintos concellos, porque desde hai uns anos é obrigatorio que todo aquel que acenda a lumbre en San Xoán ou en San Pedro, solicíteo e obteña a correspondente autorización.

Pero o caso é que se seguen facendo fogueiras sen ter pasado polo portelo do concello, de maneira que, se a choiva non actúa de apagallamas, moitas máis que as oficiais iluminarán e espantarán o meigallo este San Xoán. Sen dúbida nada máis purificador que o lume, pero hai outros moitos rituais asociados a esta noite a ter en conta: bañarse no mar, acender unha vela ou lavarse coas herbas aromáticas son algúns.