Os bateis toman a ría durante a fin de semana

a. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Grove e Vilaxoán acollerán senllas probas hoxe e mañá

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A ría de Arousa sobordará actividade durante esta fin de semana, co remo como principal protagonista ao coincidir no calendario as probas do Grove e de Vilagarcía. A primeira competición terá como escenario a vila meca e está fixada para as catro da tarde. Trátase da Bandeira Lavanova, que afronta xa a súa sexta edición e para a que os seus organizadores contan cunha participación que superará os catrocentos remeiros.

Dez categorías

Dez serán as categorías en disputa e as saídas daranse nun intervalo dun minuto entre quenda e quenda e de cinco minutos entre cada unha das categorías, que serán alevín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta tanto en homes como en mulleres

Para mañá está fixada a disputa da Bandeira Porto de Vilagarcía. É esta unha proba que comezou a disputarse no ano 2007 polo que acada uya o seu 13.ª edición, e que foi presentada onte na Autoridade Portuaria de Vilagarcía.

A competición arrincará ás once da mañá e manterá o sistema que se utilizará esta tarde no Grove, con saídas lanzadas cun minuto de marxe entre serie e serie e cinco minutos cando se cambie de categoría.

Gelo Tarrío, presidente do Club de Remo Vilaxoán, apuntou a súa esperanza de que se bata o número de bateis participantes e cuxo marca está establecido en 107, o que elevaría a cifra de deportistas ao medio milleiro. Axuda no seu optimismo o feito de que clubs do norte da ría, como Cabo, Rianxo, Pobra ou Ribeira, xa teñan mandado a súa confirmación de que estarán na competición que se celebrará mañá.

Polo demais, as probas desta fin de semana servirán para que os técnicos vaian afinando a posta a piques das súas tripulacións de cara ao campionato galego que se aveciña. Neste sentido, Gelo Tarrío apuntou, por exemplo, que no Club de Remo Vilaxoán teñen as súas principais esperanzas tanto na bancada infantil como na xuvenil.