O auxe das casas de apostas desata a preocupación en concellos arousáns

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

En Vilagarcía está a piques de abrir o cuarto local destas características, e en Cambados son dúas os que están rexistrados

05 feb 2019 . Actualizado ás 12:05 h.

Foi Esquerda Unida quen abriu o debate oficialmente. Fíxoo en Vilagarcía e no Grove, levando aos plenos de ambas as localidades mocións para «controlar a proliferación dás apostas online e as casas de apostas, e tomar medidas de prevención ante a ludopatía». O texto, aprobado nos dous municipios nos que foi tratado polas corporacións, serviu para que as administracións locais se sumasen á crecente onda de preocupación por todas as vías a través das que, sen apenas control, o xogo e as apostas chegan ao público máis vulnerable.

En ambas as localidades, os distintos grupos coincidiron en que asistimos a un fenómeno preocupante. E en ambas as localidades, tamén, os plenos recoñeceron a escasa marxe de actuación que teñen os concellos para intentar pór coto a algunhas das súas derivadas, como a apertura de salas de apostas nas rúas das súas cidades. Así se recalcou en Vilagarcía, onde están abertos tres destes establecementos, aos que haberá que sumar pronto un cuarto, que se situará no baixo de froitas o Progreso. O goberno local acaba de concederlle licenza porque non pode facer outra cousa: o negocio cumpre con todos os requisitos e conta, ademais, con autorización da Xunta, que é quen ten as competencias nesta materia. Así que aos concellos non queda máis remedio que dar luz verde a quen chegan ata eles cos permisos en regra.

A prevención

Así o recalca, tamén, o concelleiro cambadés Xurxo Charlín. O goberno local desta localidade non ve con bos ollos a chegada ao municipio deste tipo de establecementos. Polo momento hai dous, e «teñen que cumprir unha serie de requisitos á hora de instalarse». Pero a el non lle parece que as esixencias sexan suficientes. «Para min está claro que este tipo de negocios son malos para a sociedade», recalcaba onte. A preocupación por este tipo de locais, sumada á preocupación global por todo o sistema de apostas que se creou en Internet, tradúcese en que o Concello e o SPAD estean a traballar xa en desenvolver campañas de prevención da adicción ao xogo tanto para adolescentes como para adultos. Nalgúns casos chegará tarde. Tanto en Vilagarcía como no Grove, os servizos de prevención e atención xa se atoparon con moitos casos nos que a adicción é ao xogo, á emoción da aposta.

«Isto vai seguir crecendo porque hai negocio»

Manuel Isorna

É, probablemente, unha das voces máis autorizadas para falar de calquera tipo de adicción, especialmente entre os grupos de idades máis novas. E non é nada optimista. Manuel Isorna considera que o problema da ludopatía, alimentado en salas de apostas, en Internet ou onde sexa, non vai facer máis que crecer. «Seguirá medrando ata que apareza outra cousa, que probablemente será peor», di, tallante. E será así «porque hai negocio» detrás da desgraza dun número crecente de persoas. A xuízo de Isorna, a culpa deste escenario é de toda a sociedade, que desertou das súas responsabilidades. Dos políticos que se resisten a lexislar e a prohibir determinados anuncios, ata os pais que delegan a educación dos seus fillos nos videoxogos. Estes acostuman a quen os usan a unha gratificación inmediata, rápida, que buscan logo na súa vida fóra da pantalla. Iso empúrraos a probar experiencias como as apostas. Só que, nisto das apostas online a partida sempre a acaba gañando a máquina.

«As administracións temos que facer algo»

No Grove non hai salas de apostas. «Pero hai un número crecente de locais que teñen máquinas ás que se pode acceder libremente. Porque para comprar tabaco, o dono do local ten que autorizalo cun mando, pero para xogar non fai falta». A José Cacabelos, o alcalde desta localidade arousá, non lle fai graza esa proliferación de máquinas, igual que non lle gusta a barra libre para apostar que existe en Internet. Por iso, considera urxente que as administracións abran un «debate sosegado» no que todas asuman a súa responsabilidade ante o que considera un problema social que non fixo máis que empezar. «As administracións temos que facer algo. E temos que empezar por non consentir certos comportamentos». Cacabelos goberna un Concello no que funciona un casino con soleira. «Pero para xogar nel tes que ter unha idade, e se figuras nun rexistro de ludopatías non vas poder entrar, sexa como sexa. E eses controis non existen nas salas, en Internet, ou nos bares con máquinas».