Os pais rebélanse contra os «infames» aseos que funcionan no colexio de Carril

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Quéixanse do fedor das tubaxes, urinarios de pé no baño das nenas e o falso teito dunha aula, que apenas suxeita a cinta illante

24 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Corría setembro do 2014 cando o entón conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitaba o colexio Rosalía de Castro, en Carril. O mandatario autonómico propúñase inspeccionar a substitución da maltreita cuberta do centro, que o seu departamento acababa de executar en parte. Apenas media hora abondou para que o actual alcalde de Ourense comprobase en persoa que a degradación das vetustas instalacións, construídas en 1971, ía moito máis alá do seu teitume. Carpintería de ferro oxidado, fiestras que filtraban xa non humidade, senón choiva pura e dura, e infames baños cuarteleiros cos que cada día tiñan que verllas o nenos de tres a doce anos. Vázquez comprometeu entón as fases que fosen necesarias para solucionar tan desastrosa situación. A xulgar polo resultado da asemblea que os pais dos alumnos celebraron o venres, as cousas non cambiaron demasiado na escola.

«O que os pais reclamamos é que se cambien dunha vez estes baños infames, que levan corenta anos así», explican os portavoces da asociación de nais e pais de alumnos (AMPA) do centro carrilexo. Non é de estrañar. Para pasmo de calquera, no aseo das nenas funcionan urinarios de pé que, obviamente, malamente poden utilizar elas. Iso si, é doado que as máis pequenas toquen as pezas de louza, que ninguén se molestou en cambiar desde os anos 70. Algo así como o epítome do antihixiénico.

Non acaba aí a cousa. Segundo a AMPA, os nenos de Infantil, e falamos de nenos de tres a cinco anos, deben facer as súas necesidades en váteres grandes, ideados para adultos, cuxas tapas pasaron a mellor vida hai tempo.

Por se este panorama non fose suficiente, a comunidade escolar denuncia a deterioración do falso teito en todo o edificio. «O curso pasado caeu un anaco bastante grande dunha aula amais dunhas nenas; desde entón está suxeito con cinta illante e abólase cara abaixo coa humidade». A carpintería tampouco se substituíu: «É certo que cambiaron a cuberta. E colocaron ramplas para cumprir coas normas de accesibilidade, pero fixérono este ano e coas fiestras así non hai forma de parar o frío e a humidade». As tubaxes, engade a AMPA, fan ruído e cheiran a demos: «Os nenos quéixanse ata dos lavabos». As unitarias de Bamio e Guillán, engade o colectivo, sofren unha situación parecida ante a que a súa paciencia se esgotou.