O Torneo Concello de Santiago pon o epílogo á pretemporada do Obradoiro

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

Epi non puido traballar con todo o cadro de persoal en ningún tramo ata a data

18 sep 2025 . Actualizado á 19:17 h.

O Monbus Obradoiro pechará a pretemporada esta tarde no Multiusos de Sar, ás 19.30 horas, coa disputa da primeira edición do Trofeo Concello de Santiago ante o Oliveirense. Atrás quedarán seis semanas de traballo nas cales Epi non puido dispor de todo o cadro de persoal en ningún momento.

O contratempo máis importante é o de Lundqvist, que empezou fóra de grupo por unhas molestias nun xeonllo. Cando empezaba a mostrar o seu mellor nivel sufriu unha subluxación no ombro dereito que o manterá apartado da cancha varias semanas. Segundo como vaia evolucionando poderase estimar con máis precisión o tempo de convalecencia e se o tratamento conservador dá os seus froitos.

Andersson e Brito non chegaron ata a semana pasada, despois de participar coas súas seleccións no Eurobasket. O internacional portugués apenas puido estar dous minutos en cancha no amigable de Ponferrada. Notou unha dor nas costas e parou por precaución.

Sergi Quintela sufriu unha forte contusión na cadeira no partido de Copa Galicia fronte ao Leyma e tivo que pór pé a terra. Está xa moi recuperado e incluso podería ter algúns minutos fronte ao Oliveirense. Pero sen forzar en ningún caso, xa que o sábado 27 agardará o Menorca na primeira xornada de Liga.

O capítulo de contratempos físicos complétase con Etxeguren, que xa reapareceu no amigable do martes fronte ao Zamora.

Brito, que coñece ben a liga portuguesa, recoñece que aínda non viu xogar este verán ao Oliveirense, «que perdeu a ningún dos xogadores máis influentes». No entanto, subliña que é un equipo de moita tradición no seu país, «que está sempre loitando polas prazas de play off, arriba». O conxunto luso iniciará a liga o día 4 de outubro visitando ao Benfica.

O partido desta tarde enmárcase entre as accións de responsabilidade social corporativa que promove o Obradoiro. As entradas terán un custo dun euro para abonados e cinco para non abonados. A recadación irá destinada á Fundación Refuxio Animal e a Xea Galicia Recollida de Animais, a metade para cada entidade. Ademais, á conclusión do partido haberá unha barra solidaria no hall do Multiusos na que os afeccionados poderán compartir minutos e conversación cos xogadores.