Gonzalo Rodríguez, ex adestrador do Obradoiro: «Borraría o momento en que se vai José Luis Mateo e o do meu cesamento»

ANDAR MIUDIÑO

Mariam A. Montesinos - LOF

O técnico santiagués abre unha nova etapa no Córdoba

25 jun 2025 . Actualizado á 00:06 h.

Gonzalo Rodríguez Palmeiro (Compostela, 1975) é obradoirista de berce. Xogou no equipo, foi axudante de Moncho Fernández durante catorce campañas e colleu a súa testemuña para facerse cargo do colectivo como primeiro adestrador. Esta última etapa non saíu como agardaba e agora afronta novos desafíos. Chegou a un acordo co Córdoba, un dos clubs emerxentes na Segunda FEB.

—Despois de tanto tempo en Sar, cales son as sensacións?

—Pois se aos anos que estiven no banco como adestrador asistente e logo brevemente como primeiro adestrador, súmalle os que estiven como xogador e todo o tempo de atrás como espectador... É toda unha vida ligada ao club da miña cidade, pero a vida é cambio e todo ten un principio e un final, e xa está. Tocou un final diferente a como eu me imaxinaría, as cousas pasan e xa está, sen máis.

—É como volver empezar?

—Si, totalmente. É volver empezar. Pero volver empezar sumando todas as experiencias anteriores. Por tanto, é un volver empezar relativo. Pero si, é coller un proxecto moi ilusionante, construír, poder xogar dunha forma que quero e facer as cousas dun xeito que creo que é a correcta e a adecuada, de construír un equipo, de xestionar un equipo e de adestrar un equipo

—Recala nun club mozo pero emerxente.

— Si, eu creo que si. Eles teñen a idea clara de por onde teñen que ir, de como fan as cousas. O que me transmitiron, ata o de agora, primeiro foi un interese moi grande en que me unise ao seu proxecto, e todo o que podo coñecer deles, todo o que me transmitiron é que é un club organizado e que ten dúas cousas que están moi ben combinadas xuntas, que son ambición e humildade. É unha combinación que funciona sempre, pero teñen que ir xuntas, teñen que ir da man.

—Expuxéronlle unha meta deportiva, hai un listón para franquear?

—Seguir crecendo. Agora mesmo hai dous xogadores con contrato do ano pasado e estamos a construír o equipo practicamente desde cero. A idea é crecer, facer as cousas ben, con intelixencia, traballar con paciencia. Todos sabemos que é un deporte no que mandan os resultados, pero o obxectivo é avanzar e mellorar.

—Tivo outras opcións. Entre elas, a de ir a Grecia con Xanthopoulos, que agora é adestrador.

—Si, así é. Pero en Córdoba entraron moi fortes, moi decididos. E convencéronme. Estou moi contento.

—Está metabolizada pola súa banda a pasada campaña no Obradoiro?

— Como experiencia deportiva, si. Como experiencia persoal, non, estou aínda moi doído.

—Con que queda?

—Pois me quedo con que durante moitos anos puiden formar parte, cos meus compañeiros, dun xeito de facer as cousas, un xeito de construír un equipo, un xeito de xogar en equipo coa que me identifico. Eu sigo pensando que a fortaleza dos equipos é o colectivo, que o traballo de unión e de colaboración e de compañeirismo, tanto por parte do corpo técnico como da xente que traballa no club, como polos xogadores, é clave. E estou moi orgulloso de todo o que foi o proxecto do Obradoiro, ata que se decidiu que cousas que funcionaran, durante moitísimos anos, pois había que deixar de facelas, simplemente.

—Que borraría?

—O momento no que se vai José Luis Mateo e o do meu cesamento, desde o meu punto de vista, moi inxusto.

«A verdade é que é moi diferente de cando me fun a Archena»

Non será a primeira experiencia de Gonzalo Rodríguez lonxe de Compostela. Pero xa choveu desde entón, e as circunstancias son distintas.

—Ver como o Gonzalo que hai case vinte anos estaba en Archena?

—Bo, é diferente. O que ten en común é que vou a un sitio que fai moita calor. Iso seguro. Pero como adestrador son diferente, como persoa, obviamente, tamén evolucionei. Non, non é un volver empezar nese sentido. A verdade é que é moi diferente de cando me fun a Archena. Á parte da calor, ten en común pois que é unha aventura na que a miña familia quedará aquí, en Santiago, e eu irei só. Nese sentido vai ser máis duro que a primeira vez que me fun.

—É que foron quince anos na casa. E a familia creceu. Esa parte sempre debe ser a máis complicada de xestionar cando un decide ser adestrador profesional.

— Si, hai veces en que as ocasións facilitan que a familia viaxe xunta e outras pois non. No noso caso, nesta ocasión imos facer así.

—Como trasladan esta situación ás súas fillas? Enténdeno?

—Estamos a traballalo.

—Ten xa programada a marcha?

—Esta fin de semana vou a Córdoba a tomar un primeiro contacto, a coñecer á xente en persoa, á presentación, etcétera. E despois traballarei desde aquí, en remoto, grazas ás novas tecnoloxías. Irei definitivamente na parte final de agosto, para a pretemporada.