O Obradoiro afianza a súa ambición cun presuposto próximo aos 3 millóns

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

Raúl López confirma a súa implicación, apela á aprendizaxe dos erros e ao sentimento de permanencia, e non quere que o ascenso sexa unha obsesión

11 jun 2025 . Actualizado á 18:57 h.

O novo proxecto do Monbus Obradoiro arrinca con bo pé, cunha comparecencia de prensa do presidente, Raúl López, que se facía necesaria para despexar incerteza. A mensaxe cambia. O ascenso segue sendo o obxectivo, pero non unha esixencia nin unha obsesión. E o club aproveitou o acto para presentar ao adestrador elixido para pilotar ese desafío, Diego Epifanio, Epi. Pola mañá quedaron pechadas as negociacións, asinou o contrato e subiuse a un coche para poder chegar a tempo,

Raúl López arrincou con dúas frases que contextualizaron o momento exacto no que se atopa o club: «Estamos moi vivos», «hai que aprender dos erros». Ese é o punto de partida, con outro engadido, o de pór por diante dos resultados o sentido de pertenza e a identidade do Obradoiro.

O presidente tamén falou de «gozar do camiño», e de dúas vivencias que lle serviron como estímulo: «Ver o ambiente de Sar coa ilusión de gañar» e comprobar que, a pesar do descenso, houbo máis abonados que a última tempada na ACB.

Héctor Galán, que tamén participou na rolda de prensa, do mesmo xeito que Epi, confirmou que o presuposto para o novo curso aínda non está concretado, que aínda se están pechando os flocos desta campaña. Pero anticipou que se situará ao redor de «2,7 ou 2,8 millóns de euros, non sei se chegará a tres».

O presidente apelou á tranquilidade institucional e a «armar este club para que teña futuro sen Raúl López». Importa o presente, pero tamén sentar bases sólidas para o futuro.

Botando a vista atrás, cara á tempada 24/25, quixo pór en valor «os avances da canteira» e na política de «comunicación e transparencia».

Agora chega o momento de empezar a dar forma ao equipo, tarefa que corresponde a Héctor Galán e Epi. O director xeral agradeceu a confianza recibida por parte da entidade, despois de que os resultados da tempada pasada quedasen moi lonxe do obxectivo. Confesouse moi a gusto na cidade e no Obradoiro, e ilusionado cunha segunda oportunidade.

Aínda non se puxeron «nomes propios» sobre a mesa. No entanto, subliña que antes de fichar a Epi xa estaba moi clara cal é a súa idea de traballo e como lle gusta xogar.