
Asegura que non se fixo ningunha fichaxe co que non estivese de acordo
28 may 2025 . Actualizado á 22:58 h.Héctor Galán, director xeral do Obradoiro, foi o primeiro en saír á palestra unha vez que o equipo puxo o punto e final á tempada en Palencia. E xa advertiu nas súas primeiras palabras que o obxectivo da súa comparecencia era analizar o que deu de se o curso, e que aínda toca agardar para empezar a falar do proxecto vindeiro.
Galán mostrouse autocrítico e non tratou de adozar a decepción: «A tempada foi mala desde calquera punto de vista», porque o obxectivo era o ascenso e non se conseguiu. E engadiu: «Diría que nos quedamos incluso moi lonxe, porque ademais non fomos capaces de meternos na final four. Tiñamos unha ilusión especial de que puidese ser aquí en Santiago e ter un evento que eu creo que é moi bonito, moi interesante para o público en xeral e moi bonito para a afección de Santiago. E nin sequera iso puidemos facer».
Tampouco puxo escusas ao expediente completado no play off: «Fomos claramente inferiores ao noso rival».
Héctor Galán asumiu culpas en primeira persoa: «Parte dunha mala configuración de inicio de tempada e, outra vez máis, e non o fago porque me guste, pero si que o responsable, pois loxicamente, son eu. Cando ti es o director xeral deportivo dun club e tes que cambiar ao adestrador no mes de decembro e tes que facer catro ou cinco fichaxes durante a tempada, pois está claro que o traballo de inicio de tempada non foi bo. Non acertamos coa configuración do equipo». Cualificou como «titánico» o esforzo por tratar de corrixir o rumbo. Non deu o resultado agardado.
O respaldo da afección
Entre o pouco positivo que rescata está o respaldo da afección, tanto á hora de sacar o abono como na afluencia aos partidos disputados en Sar.
Non dubidou cando se lle preguntou se todas as fichaxes eran responsabilidade súa: «Son o último responsable das incorporacións que se fan no equipo. Non se fixo ningunha coa que eu non estivese de acordo». Pero tamén aclarou que houbo nomes que «lle chegan directamente ao presidente», outros nos que «o adestrador abriu algunha opción», e xogadores aos que el coñece máis e dos cales tes máis referencias directas. E insistiu: «Non importa tanto a orixe, senón quen asume esa incorporación. E aí podo dicir que non hai ningunha coa que eu non estivese de acordo».
Tampouco botou balóns fóra sobre a elección de Félix Alonso: «Para min, era o mellor que podía encaixar aquí, pola experiencia que tiña, polo coñecemento da liga, polo coñecemento persoal meu del, por todas as referencias que tiña».
A sensación final, no debe, é que «o equipo non conseguiu ser un equipo sólido en toda a tempada. Non sei se aí nos equivocamos no perfil, na construción. Non sei que é o que tería que cambiar. Sei o que fallou, pero non sei o que teriamos que cambiar porque sigo pensando que a maioría das fichaxes que fixemos eran moi boas opcións para nós. Pero non fomos capaces de ensamblar as pezas. É o erro noso».
«Criamos que co persoal que saïamos iamos ser competitivos, e non funcionou»
Héctor Galán recoñeceu que cando puxeron en marcha o proxecto 24/25 parecía que o presuposto de partida (dous millóns de euros) debía de ser unha garantía para pelexar polo ascenso. Pero a realidade que se atoparon foi outra: «Recordo que cando falabamos dese primeiro presuposto houbo xente que me dixo, ‘ides ir un pouco xustos', pero tampouco agardabamos naquel momento que a liga dese o salto que deu finalmente».
Si vía vir o proxecto do Burgos, pero non contaban tanto coa irrupción do Betis. E tamén sorprendeu o Fuenlabrada. «Criamos que co persoal coa que saïamos iamos ser competitivos, e non funcionou. E vímonos no mes de decembro, se non me equivoco, con sete derrotas que practicamente te afastaban xa dun xeito definitivo. E aí intentamos reconducilo», resumiu o director xeral.
Nese mercado de verán, no entanto, se había un indició máis que fiable, xogadores que recalaron en rivais directos porque puxeron máis diñeiro sobre a mesa. Galán apelou ao equilibrio: «Tiñamos un pouco a sensación de que tamén se estaba inflacionando a liga, no sentido de que non podiamos estar en todas as apostas». E que había segundas opcións que permitirían ser igualmente competitivo ao equipo».
Falta de tensión
No devir da tempada houbo un partido que lle fixo saltar as alarmas, o penúltimo de liga, na casa, fronte ao Guipúscoa, porque viu o equipo «destensionado».
E hai un episodio para o que non atopou resposta, ao ser preguntado polas cifras de só quince rebotes no último encontro: «Nin o podo explicar nin o entendo, cando tiñamos probablemente a mellor parella de pivotes da liga».
Ondrej Balvin foi o xogador que máis críticas recibiu polo seu rendemento. Galán evitou personalizar e deixou unha reflexión, no sentido de que non sempre é doado adaptarse á Primeira FEB.
Lembra que non tivo «dúbidas» cando se puxeron ao alcance as fichaxes de «Balvin, de Brodziansky, de Faggiano, de Barcello». Parecía clara a decisión nese momento: «Non teño dúbidas, de que eses tíos van dar ese nivel. Facemos esas operacións porque estou convencido de que nos van a dar ese nivel. E logo resulta que na práctica non foi así».